-
Queren destinar este importe para axudar as familias con menos recursos
-
Servizos Sociais reparte alimentos doados pola veciñanza entre as persoas máis vulnerables
O equipo de goberno de Rois doará o 30% do seu salario de abril ao departamento de Servizos Sociais para axudar ás familias con menos recursos. Con esta iniciativa, tanto o alcalde, Ramón Tojo, como o concelleiro de Vías e Obras, Carlos Ares (os únicos concelleiros con dedicación exclusiva no goberno) queren mitigar as consecuencias da crise do coronavirus COVID-19 entre as persoas máis vulnerables do municipio.
Con esta iniciativa, o alcalde quere contribuír a impulsar a “o importante labor que dende o departamento de Servizos Sociais do concello se está a facer entre a veciñanza”. Ramón Tojo recorda que dende o Concello se fai seguimento das persoas con menos recursos para tentar que “todos os veciños e veciñas do municipio teñan as necesidades básicas cubertas durante esta crise”, unha iniciativa á que contribuirá esta doazón.
O Concello de Rois adquiriu recentemente material de protección que distribuíu entre os traballadores de Servizos Sociais, especialmente entre os do Servizo de Axuda no Fogar; protección civil e demais persoal municipal que está a desinfectar e limpar espazos públicos. Un material ao que recentemente se sumou o que a Xunta de Galicia repartiu entre os concellos.
Reparto de alimentos
Por outra banda, dende o departamento de Servizos Sociais e Protección Civil estase a proceder a facer reparto de alimentos entre as persoas máis vulnerables. Alimentos e produtos non perecedoiros que a veciñanza de Rois e outras persoas están a entregar no Estanco e na tenda Agroesparís, en Urdilde. Ademais de alimentos, a veciñanza está a doar produtos de hixiene e material escolar que se fan chegar ás familias máis vulnerables.
Tamén para axudar ás familias con menos recursos, dende o Concello de Rois habilitaron un servizo de impresión de deberes e tarefas que dende os colexios públicos do municipio se envían as familias. Dende os equipos directivos xa se remiten por mail estas tarefas á educadora familiar do Concello de Rois, que os imprime e logo se lle entregan as familias con menos recursos, para que os seus fillos e fillas poidan seguir a actividade lectiva nas mellores condicións posibles.