O alcalde, Ramón Tojo, e o concelleiro Manuel Cobas (esquerda) visitando a zona afectada polo roubo cun operario municipal

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, vén de reclamar maior presenza policial no municipio para evitar roubos como o que se detectou esta noite na parroquia de Seira. Os vándalos levaron todo o cableado de cobre do alumeado público que ilumina a senda peonil que vai dende a AC-301 ata Seira. “Os ladróns levantaron as arquetas, porque a instalación estaba soterrada, e roubaron todo”, asegura o rexedor.

Ramón Tojo e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Cobas, visitaron a zona acompañados por operarios municipais para comprobar os danos producidos antes de presentar denuncia no cuartel da Garda Civil de Padrón. “A veciñanza séntese indefensa. Pedímoslle á Delegación do Goberno que incremente a vixilancia policial no rural para evitar situacións coma esta”, asegura o alcalde de Rois.

O roubo afecta a un tramo de aproximadamente un quilómetro de lonxitude na senda peonil que une a rotonda na AC-301 coa aldea de Seira, que se executou hai dous anos. As canalizacións para o alumeado público nesta zona estaban soterradas. Na madrugada do 27 de agosto persoas descoñecidas levantaron as arquetas que están na senda e roubaron todo o cable de cobre. “Máis alá o prexuízo económico para o Concello, que estamos a cuantificar, o principal problema é a sensación de inseguridade que ten a veciñanza”, asegura Ramón Tojo, que lle pide á Delegación do Goberno en Galicia que incremente a vixilancia policial nun municipio rural como o de Rois.