O alcalde de Rois, Ramón Tojo, desprazouse ata o lugar de Moares (Ermedelo) para visitar a Serafina Barbazán Neo, quen cumpriu 101 anos de idade o pasado 30 de decembro acompañada da súa familia. O alcalde agasallouna cunha medalla do Concello de Rois, un ramo de flores, unha bica e unha felicitación que a centenaria foi capaz de ler sen lentes.

Serafina Barbazán mantivo con Ramón Tojo unha longa conversa na que intercambiou moitas anécdotas do seu pasado e que lembra como moita lucidez.

A avoa de Moares díxolle ao alcalde que goza moito de ver a televisión e, especialmente, as series. Di que non se perde ningunha e que recorda todas as escenas. Aos seus 101 anos de idade, Serafina Barbazán goza de moi boa saúde e aínda é unha gran cociñeira, sendo as súas especialidades os callos e o carneiro. Serafina Barbazán Neo naceu na aldea de Vilar, en Viceso (Brión) o 30 de decembro de 1921. Estableceu a súa residencia en Moares tras casar con Vicente Boullón Rey (falecido nos anos oitenta); ten tres fillos (María, Manuel e Celia); sete netos e oito bisnetos.