O alcalde de Rois acompañou esta mañá ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na visita que este fixo a empresa multinacional Cortizo, onde puido coñecer da man do fundador, José Manuel Cortizo Sóñora, e da directora xeral, Raquel Cortizo, os plans de presente e futuro da multinacional afincada na comarca do Sar.
Segundo recolle La Voz de Galicia, Raquel Cortizo explicoulle ao presidente da Xunta que a empresa está a facturar actualmente 600 millóns de euros e que ten proxecto de futuro para a vindeira década, na que cumplirá 50 anos, “consolidando internacionalmente un desenvolvemento netamente local, con raíces en Galicia e ramificacións” en 60 países de todo o mundo.
O titular da Xunta referiuse a Cortizo como un exemplo máis de que a Comunidade conta con empresas que apostan por seguir crecendo en Galicia e pola I+D+i, resaltando a creación do seu campus tecnolóxico que con case 30.000 metros cadrados creará máis de 300 empregos, afondando na preparación de profesionais.
Este campus contará cun edificio dedicado á investigación e á formación, cun equipo de 350 enxeñeiros; e cun laboratorio para, por exemplo, testar o comportamento das fachadas fronte ás condicións máis estremas. Ademais dun edificio social pensado para o benestar dos seus traballadores, con recursos de entretemento, deporte e conciliación, coa construción dunha gardería.
O responsable do Goberno galego salientou que esta empresa, presente xa en 60 países, dá traballo a máis de 3.000 persoas –máis de 1.600 en Galicia–, conta con 9 plantas de produción, con 31 centros loxísticos e con 26 delegacións comerciais e, en 2018 alcanzou un novo récord de facturación, de produción e de emprego, xerando 286 novos postos de traballo.