O liño, a súa importancia dentro da comunidade e a historia e a cultura ao redor desta planta, foi o fío condutor de Sementes de Rois, a cita coa música tradicional e a transmisión oral que se celebrou este venres 10 de maio no campo da festa.

As intervencións de Maruja de Servia, da A.C. Rosalía de Castro de Padrón, das Cantareiras das Amas de Casa de Rois, das pandeireteiras de Ermedelo e de Brión, da Escola de música e baile tradicional de Brión, das Repeniqueiras de Urdilde e de OCT Chorima serviron para dar continuidade ás diferentes explicacións sobre este material tan vencellado a propia historia de Rois, pois están documentadas doazóns de liño aos cabaleiros que axudaron na loita contra os normandos en Galicia.

Nesta xornada de convivencia, as persoas que asistiron coñeceron máis polo miúdo que é o liño, así como cada unha das partes que conforman o seu ciclo de produción, detalles que foron sempre amenizados coas intervencións dos diferentes grupos musicais. No campo da festa houbo unha pequena mostra de produtos relacionados co liño e o seu cultivo, incluída a propia planta de liño.

Ao final da cita, o Concello agradeceu a súa colaboración ás diferentes asociacións e agrupacións que formaron parte deste acto;  aos finados Lourdes Pérez Freire, veciña de Souto, e a José Tubío das Subidas, de Augasantas; a Clementina e súa filla Isabel, ambas de Duei; así como de a Esther e a Consuelo. 

Ademais o alcalde, Ramón Tojo, e concelleiros do equipo de goberno entregáronlles ás agrupacions participantes agasallos elaborados por persoas da Asociación Amipa.

Esta cita, que se enmarca dentro do programa Rois no Camiño das Letras, rematou cunha saborosa chocolatada.