Concerto de solistas da Escola Municipal de Música e a Andaina por parellas marcaron este sábado o inicio da ampla e variada oferta de Rois no Camiño das Letras coa que o Concello conmemora o mes das Letras Galegas. Unha programación que se desenvolverá ata o vindeiro 2 de xuño, en paralelo á celebración das festas patronais do Santo Isidro Labrador, e que permitirá a veciñanza gozar, de balde, de propostas musicais, encontros, teatro, cine, maxia e deporte.

Rois no Camiño das Letras comezou o pasado sábado coa celebración da Andaina por Parellas Concello de Roisorganizada polo Colectivo Remonte, a máis multitudinaria das quince edicións celebradas con 107 parellas participantes, e co Concerto de solistas da Escola Municipal de Música, que se celebrou no auditorio municipal.

O vindeiro venres, 12 de maio, a programación continúa co Serán da Lingua, con música, xogos populares e, ao remate, chocolatada. A actividade desenvolverase no campo da festa de Rois a partir das 18.00 horas. Entre as agrupacións participantes atópanse o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde, as Pandereteiras de Ermedelo, a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón e a Escola de Música e Baile Tradicional de Brión, entre outras. 

O sábado 13 de maio celebrarase, a partir das 10.00 horas, a XVI edición do Premio Ciclista Santo Isidro Trofeo Suso Blanco Villar, organizado polo Club Ciclista Padronés-Cortizo, que terá como saída e chegada a casa do concello. 

O mércores 17 de maio, ás 10.00 horas, desenvolverase outra gran cita deportiva: a Andaina Santo Isidro Día das Letras Galegas, organizada polo Concello e que chega a súa cuarta edición cun percorrido de 16 quilómetro e dificultade baixa. As inscricións estarán abertas do 1 ao 12 de maio en inscricions@rois.gal. Nesta edición da andaina vaise conmemorar ás últimas 16 persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas.

O 18 de maio, no auditorio municipal, desenvolverase o programa dirixido ao alumnado de Educación Secundaria do CPI Plurilingüe dos Dices co espectáculo de maxia a cargo do mago Teto. A maxia tamén será a protagonista o 20 de maio, pero desta volta co espectáculo do mago Antón Mil maxias máis, dirixido ao público xeral. A actividade desenvolverase pola mañá en Urdilde e pola tarde en Rois e para asistir é preciso inscrición previa no enderezo inscricions@rois.gal do 8 ao 18 de maio.

Caramuxo Teatro porá en escena o 24 de maio, no auditorio, a súa obra As fabas máxicas. A actividade está dirixida ao alumnado de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria. Mentres que o alumnado da Galiña Azul de Rois asistirá o 26 de maio, ás 10.30 horas no edificio multiúsos, ao espectáculo Bichocas, de Xarope Tulú. Ese mesmo día, o 26 de maio, pero ás 19.00 horas, o auditorio municipal acollerá o espectáculo de Raquel Queizás Cinema marabillas. As crianzas e as súas familias gozarán vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabarillosos e nos libros clásicos de literatura.

O alumnado de 3º e 6º dos centros educativos O Pumar de Urdilde e Os Dices de Rois asistirán o 31 de maio ao concerto musical Teatro dos Vieiros, con Xoán Curiel e Charo Pita.

Rois no Camiño das Letras pechará a súa oferta o 2 de xuño co encontro As voces de Rois, que se enmarca dentro do programa Naturfest que promoven Concello e Chorima. O programa inclúe música popular coa actuación do OCT Chorima, a proxección do documental Negro púrpura, charla coloquio sobre tradición oral e homenaxes a persoas que o dan todo para que a lingua, a literatura e a cultura galegas sigan vivas. 

Certame literario Lois Aldegunde

Por outra banda, o Concello de Rois informa que ata o 26 de setembro (Día europeo das linguas) poderán presentarse os traballos que concorran ao Certame Literario Lois Aldegunde. O fallo do xurado darase a coñecer o 31 de outubro.

Tamén ao longo do mes de maio, o edificio multiúsos de Rois acollerá unha exposición sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego.

O programa completo pódese ver na seguinte Imaxe