David Fernández Bella amósalles ao delegado da Xunta e ao alcalde a que se considera porta principal de acceso ao castro de Socastro

 

Un grupo de doce mozos e mozas procedentes de Rusía e sete comunidades autónomas españolas están a participar no campo de traballo internacional do Castro de Socastro, que ten por obxectivo poñer en valor este enclave celta que permaneceu habitado de xeito ininterrumpido ata o século V despois de Cristo. 

O arqueólogo do campo, David Fernández Abella, indicoulles esta mañá ao alcalde, Ramón Tojo, e ao delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que nas escavacións que se levan feito durante os dez anos que se ven traballando neste castro “atopáronse materiais procedentes de África e do Mar Exeo, apareceu tamén algunha tella con escritura, polo que pensamos que neste enclave vivía xente dun nivel alto”.

As mozas e mozos que participan neste campo de traballo, que se enmarca na campaña de verán da Consellería de Política Social, proceden de Rusia (2), e das comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Castela e León, Madrid, Murcia e Navarra, ademais de Galicia. Tamén estaba anotado un mozo de México, que finalmente non puido acudir ao poñerse enfermo a véspera de iniciar a súa viaxe cara a Galicia.

Dende o pasado día 1 e ata o día 12, e divididos en dous equipos de seis persoas, estes voluntarios fan tarefas de limpeza na zona da canteira “por se aparece algún petroglifo, como o que se atopou noutra zona”, indicaba a directora do campo, Pilar Lago.
Tamén están a desbrozar a zona perimetral do castro de Socastro, que está configurado por un recinto principal de planta oval cunhas dimensións de 125 por 85 metros, delimitado por un parapeto de terreo que apenas sobresae 1 metro desde a superficie interior e que cae entre 3 a 5 metros ao exterior. Este castro é visible dende todas as montañas que rodean a conca fluvial do río Valeirón, polo que os arqueólogos que dirixen a escavación pensan que este centro sería a acrópole máis importante da comarca.

Ovidio Rodeiro destacou que os campos de traballo “contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo”. Así mesmo, o delegado territorial tamén sinalou que estas actividades “fomentan a mobilidade, pois ofrece aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutros países”.

David Fernández Avella explicoulles a Ovidio Rodeiro, ao alcalde e ao concelleiro Manuel Cobas, alguns dos descubrimientos que xa te teñen conseguido nas excavacions neste castro. Entre elas figura a que está considerada como porta principal de acceso á croa (a parte superior do castro), ou un forno ceráico nun espazo habitacional que está datado no século II antes de Cristo.

Os restos dunha casa, co tellado colapsado no interior e o chan de terra batida, construída sobre outra casa da época romana, “fai pensar que este castro estivo habitado de forma continuada ata o século IV despois de Cristo”, o que da unha idea da importancia do traballo que o Concello de Rois ven promovendo dende hai dez anos para poñer en valor este enclave celta e potenciar, deste xeito, o patrimonio do municipio. Neste castro, que estivo habitado durante uns 600 anos, puideron chegar a vivir ata 400 persoas, en opinión de David Fernández.

O castro de Socastro ocupa aproximadamente unha hectárea de superficie, “un tamaño estándar da idade de Ferro”, indica Fernández. Pero ten unha ubicación destacada. “Dende aquí hai moita visibilidade, vese toda a comarca do Sar, e está preto do camiño real que levaba a Noia e Lousame. Tamén resulta fácil chegar ata o Val da Mahía, e o río ulla está ahí ao lado”, engade o alcalde Ramón Tojo.

O Concello de Rois seguirá apostando por poñer en valor este castro celta, “porque deste xeito non só conservaremos o noso patrimonio, senón que axudaremos a que o nome de Rois se coñeza en todo o mundo. Porque todos os mozos e mozas que veñen aquí aos campos de traballo falarán de nós nos seus países”.

Visita ao pazo do Faramello

Ademais de participar nas tarefas de limpeza, conservación e catalogación das pezas que se van atopando no castro de Socastro, os participantes neste campo de traballo teñen tamén tempo para coñecer un pouco máis a nosa comarca.

De feito, o martes, acompañados polo tenente alcalde Manuel dos Santos, e polo concelleiro Manuel Cobas, os xoves visitaron o pazo do Faramello e puideron coñecer polo miudo a historia deste pazo, no que se asentou a primeira fábrica de papel de Galicia.

 

Política Social ofrece 925 prazas

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.