Coma calquera afeccionado, Martín Bouzas vivirá desde a súa casa o comezo da temporada de ciclismo a finais deste mes. Tres veces campión de España de contrarreloxio, o ciclista de Rois sorprendía en outubro co anuncio da súa retirada con tan só 22 anos e xusto cando se atopaba no seu primeiro ano como profesional enrolado nas filas do Kern Pharma.

“Terei un pouco de morriña despois de tanto tempo dedicándome ao ciclismo, pero teño claro que a decisión a tomei polo meu ben, porque non me atopaba a gusto”, comenta Martín, agora centrado en estudar oposicións para entrar en Correos. “A miña vida cambiou completamente. Antes, por exemplo, só podía parar ao mellor un día cada dúas ou tres semanas. Pero non eran só as horas de bici, senón tamén todas as rutinas que impón o ciclismo: o descanso, a alimentación, etc.”, subliña.

Todos estes atrancos que non lle deixaban desfrutar da bicicleta contounos o propio Martín nunha carta que publicou a xeito de despedida o pasado mes de outubro e que pode lerse na web do Kern Pharma. Nela fala da presión psicolóxica á que se sometía el mesmo, a obriga que se impuña de responder ás expectativas depositadas nel ou a ansiedade que lle provocaban as carreiras e facía que adoecese pola comida.

O problema de Martín, tal e como lle recoñecía naquel momento a El Confidencial, era ter que facer algo para o que estaba dotado pero que non lle satisfacía. “É unha decisión que madurei durante case un ano. Non me sentía ben co que facía, non era feliz, así que decidín cambiar de rumbo, deixalo para sempre”, recolle o xornal.

Tres meses despois, afirma que a constancia á que estaba obrigado pola competición axúdalle a preparar as oposicións. “Ao principio custoume poñerme a estudar porque xa había varios anos que deixara os libros polo ciclismo, xusto despois da Selectividade, pero agora lévoo moi ben”, comenta.

Logo de vivir en Pamplona na súa etapa amateur e de correr dun lado para o outro, con numerosas viaxes e pasos por aeroportos na súa andaina como profesional, Martín volve a estar asentado en Rois a tempo completo. Verémolo outra vez sobre a bici nas nosas estradas? “Si, a min gústame saír cos amigos. Aínda que a verdade é que me tomei unha temporadiña longa de descanso para desconectar e o ciclismo saca bastante tempo, así que pode que me veña mellor o atletismo. Teño que volver facer un pouco de exercicio”, confesa.