Manuel Rodríguez Pérez recibe a medalla do Concello en recoñecemento ás súas investigacións sobre o alzhéimer

O mozo científico Manuel Rodríguez Pérez, natural da parroquia de Oín, recibiu hoxe de mans do alcalde, Ramón Tojo, unha saúda e a medalla do Concello de Rois en recoñecemento as súas brillantes investigacións sobre o alzhéimer. 

Manuel Rodríguez incorporouse hai dous meses ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, logo de presentar unha tese de doutoramento na que abordaba o uso da nanotecnoloxía para a detección precoz do alzhéimer.

Vencellado durante os útimos anos ao Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o mozo de Rois centrou o seu traballo de doutoramento na utilizacion de partículas microscópicas para detectar a enfermidade de forma temperá analizando as alteracións no procesamento dunha proteína chamada tau. O uso destas nanopartículas permite elaborar distintos tipos de sensores e tomar mostras minimamente invasivas.

A tese de Manuel Rodríguez, titulada Desenvolvemento de nanoestructuras teranósticas para etapas preclínicas da Enfermidade de Alzheimer, permite dar un paso máis no combate contra o alzhéimer, o tipo máis común de demencia. Calcúlase que no ano 2050 pode acadar proprorcións epidémicas, afectando a máis de 150 millóns de persoas no mundo. O impacto en Galicia estase acentuando por causa do avellentamento da poboación.

O alcalde, Ramón Tojo, subliñou no acto de entrega o orgullo que supón para Rois ter investigadores da talla de Manuel Rodríguez e transmitiulle os parabéns de todo o municipio pola súa aplaudida tese. O científico, que acudiu ao Concello na compaña do seu irmán Tomás, amosou a súa satisfacción polo recoñecemento.