O tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, asistiu o sábado 28 de xaneiro á gala  de entrega da sexta edición dos Premios Youtubeiras, celebrada no Pazo da Cultura de Carballo, onde entregou un dos galardóns. Un total 22 propostas finalistas, das 75 canles que se presentaron, competían por un dos oitos galardóns dos Premios Youtubeiras. Á gala, conducida por Cristina Collazo, asistiron representantes institucionais dos doce concellos organizadores, entre eles o de Rois, das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, e da Deputación de Pontevedra.

O xurado, composto por Mario Brión, Mónica Fernández Valencia, Carmen Nieto, Elvira Nercellas e Alba Rodríguez outorgou o Premio á Canle a Toxío, pola “súa alta calidade comunicativa, técnica e estética e a continuidade e periodicidade dos contidos cun dominio emocional e ético”

O premio ao youtubeiro/a do ano foi para Neeumatiko, de quen o xurado destacou o seu carácter de “referente do youtube en galego” e a alta capacidade comunicativa e lingüística do youtubeiro. Mentres que Histérikas Histórikas álzase co de Youtubeiro/a revelación por “por unha forma fresca de presentar contidos, cunha alta repercusión e cun formato innovador no youtube en galego”, segundo remarcou o xurado.

O Premio Vídeo levouno Piratas sen parche polo vídeo Eduardita, de quen o xurado puxo en valor a “calidade técnica, creatividade e orixinalidade á hora de transmitir mensaxes”.

A canle Falemos do Reino de Galicia recibiu o galardón de Calidade Lingüística, das mans do tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, pola “súa capacidade para manter os trazos dialectais nun rexistro culto e normativo”, segundo remarcou na acta o xurado. Mentres que Pingando-Laura Veiga foi galardoada co de Pioneiro, por “introducir unha nova temática na Rede galega” dun xeito innovador e atractivo.

“Pola súa constancia para fortalecer a comunidade virtual galega, por crear e manter vínculos e asociacións” o xurado otorgou o Premio Pioneiro á Lobeira Today. Mentres que o galardón do público foi para o vídeo Bembibre coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez.

Todos os premios conta cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público que dispón de 500 euros. En total repartíronse 7.500 euros en premios e as persoas gañadoras recibiron tamén un diploma e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

Os Premios Youtubeiras, que chegaron á súa sexta edición, están organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Rois, A Baña, Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, e da Deputación da Coruña.

Nesta ligazón podes ver os vídeos e as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2022:

https://youtubeiras.gal/novas.php?k=34061