Horarios III Trail e Andaina Montes de Rois

Este vindeiro domingo, 11 de xaneiro, as paraxes naturais de Rois serán o escenario polo que discorra o III Trail e Andaina Montes de Rois, cita deportiva na que se darán cita máis de 700 participantes. A elevada participación provocou que hai días se esgotasen tanto as prazas da andaina como do trail curto, que comparten o mesmo itinerario de 13,2 quilómetros. O trail longo, de 20,9 quilómetros, quedou a moi poquiñas prazas de pendurar tamén o cartel de completo.

A pesar da súa xuventude, a proba está xa plenamente consolidada no calendario galego, tal e como demostra o feito de que sexa a primeira cita do ano do Ranking Galego de Trail Running, dentro da serie prata.

A saída e a meta das tres modalidades da proba estarán situadas no polideportivo de Rois. Neste pavillón efectuarase a entrega de dorsais entre as 8 e as 9.30 horas. Ás dez da mañá poñeranse en marcha os participantes do trail longo e do trail curto e, cinco minutos despois, iniciarán o percorrido as persoas inscritas na andaina (10.05 h).

Co obxectivo de contribuír á comodidade dos deportistas, a organización pon á súa disposición os vestiarios do polideportivo, ademais de habilitar o aparcadoiro do patio do CPI dos Dices.

A entrega de premios está prevista para as 12.30 horas no polideportivo, onde os participantes poderán desfrutar duns petiscos unha vez rematen o percorrido. Así mesmo, entrarán no sorteo de tres pares de zapatillas, unha por cada modalidade de participación.

Ademais, as 600 primeiras persoas inscritas recibirán dous agasallos:

  • Unha braga de pescozo co logo do trail
  • Unha botella de aluminio de 400 ml, ideal para acompañar nas rutas deportivas

Percorridos e sinalización

Os percorridos estarán sinalizados con cintas de ABANCA (fondo branco e letras azul celeste) tanto para o trail como para a andaina. Haberá un tramo específico no que as persoas participantes da andaina seguirán o regato de Buxán, sinalizado con cintas de GADIS nun percorrido aproximado de 200 metros.

Logo das choivas rexistradas nos últimos días, a organización traballou intensamente para deixar os percorridos nas mellores condicións posibles. Aínda así, existen zonas enchoupadas, polo que se recomenda extremar a precaución.

Así mesmo, o Concello de Rois solicita a colaboración veciñal para circular con precaución polos lugares de paso dos deportistas e recorda que entre as 10.00 e as 14.00 horas, os participantes atravesarán Os Dices, Os Vilares, Infesta, Casas do Porto, Xei, Buxán, Peracova, Picadizo, Rois e Contimundi.

Colaboracións

O evento contará coa colaboración de BJ Trainers & Co., que ademais de apoiar a proba ofrecerá un desconto nos seus produtos ás persoas participantes das tres modalidades e achegará agasallos para sortear o día da proba.

Itinerarios