O grupo de pandeireteiras que interpretan 'Sororidade', nun momento da gravación do vídeo

Un total de 35 mulleres e nenas —entre pandeireteiras, actrices e figurantes— protagonizan o videoclip Sororidade, co que o Centro de Información á Muller Terras de Iria conmemora este ano o 8M. Este proxecto musical colectivo conta co respaldo dos concellos de Dodro, Padrón e Rois. O Auditorio Municipal de Rois acollerá a estrea do vídeo o vindeiro sábado 5 de marzo ás 12 do mediodía e darase a coñecer a través das redes sociais. Con esta iniciativa o CIM Terras de Iria busca poñer a énfase na importancia da sororidade, isto é, da solidariedade entre mulleres, así como no empoderamento feminino, para celebrar o Día Internacional da Muller.

Sororidade é unha peza musical tradicional con letra e arranxos de Jéssica Beiroa Fernández, profesora de pandeireta en Rois. Está interpretada por 10 cantareiras de diferentes agrupacións folclóricas da comarca. No vídeo, ademais das pandeireteiras, actúan unha ducia de mulleres dos tres municipios con perfís profesionais diferentes. Coa súa interpretación xestual e acompañadas doutras tantas figurantes, estas mulleres danlle vida a unha canción que avoga no seu retrouso porque “deixemos nas nosas vidas, desde xa, entrar a sororidade”.

Na estrea do vídeo este sábado en Rois participarán a directora do CIM Terras de Iria, Isabel Ramos Boó; o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; e a autora da canción, Jéssica Beiroa. O 8 de marzo terá lugar a presentación do videoclip no auditorio municipal de Padrón (20.00 horas), como parte da programación conmemorativa do 8M no municipio. Dende o sábado, Sororidade difundirase a través das páxinas web e redes sociais do CIM Terras de Iria e dos tres concellos que o promoven.

Mulleres de diferentes ámbitos

“Anque non nos coñezamos, un lazo terma de nós”. Esta frase de Sororidade ilustra as conexións invisibles existentes entre as mulleres, aquelas que fixeron posible que persoas de ámbitos tan diferentes se involucrasen nun proxecto coma este. De empresarias e comerciantes a pementeiras ou médicas, pasando por presidentas de clubs de fútbol ou gandeiras, entre outras.

Polo concello de Dodro participan no vídeo as empresarias do sector da pel Ana Muñiz Abuín e Marta Fernández Muñiz, así como Carmela Carou Alcalde, traballadora dunha fábrica téxtil. E tamén Milagros Gómez Reboiras, empregada forestal, quen canta “tócanos a nós agora seguirmos a abrir camiño”.

Un camiño que as “nosas nais, nosas avoas, comezaron paseniño”. En Sororidade reúnense varias xeracións dunha mesma familia de Rois. A gandeira Paula Castro Neo, capataz no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, sae acompañada no vídeo polo seu fillo de seis meses, pola súa nai Lourdes e mesmo pola súa avoa, Mª Carmen Sóñora, que o vindeiro luns fai 104 anos. No exterior do centro de saúde deste mesmo municipio cantan xuntas Vanessa Pérez Villar, médica de familia, e Mª Sagrario Sánchez Rama, limpadora. E na parroquia de Urdilde, Margarita Casal Castaño, empresaria do sector da alimentación, sae acompañada pola súa filla Alba Otero Casal, estudante.

A comerciante padronesa Ramona Vázquez Iglesias, propietaria de Confecciones Regateiro, pon a voz da experiencia coa frase “o que eu vivo compañeira, a ti che pode valer”. Pola súa banda, Milagros González Refojo, presidenta do Consello Regulador DOP Pemento de Herbón, canta ao unísono coas pementeiras Milagros Piñeiro Freire e Rosa Mª Diéguez Rarís. Por último, e máis aló da rivalidade no xogo, dúas presidentas de clubs de fútbol entoan a frase “de fronte teño unha amiga e unha irmá ao meu lado”. Adriana Vázquez Figueroa, presidenta do CD Sar Extramundi, e Guadalupe Gómez Calvo, presidenta da SD Esclavitud, aparecen no vídeo acompañadas por oito nenas futbolistas de base destes equipos.

Pandeireteiras da comarca

Jéssica Beiroa Fernández dirixe a formación musical que encabeza ela mesma xunto con outras nove rapazas e mulleres de diferentes idades: Alba Romero Portas, Alejandra González Magán, Andrea Rey Casal, Fabiola Peraza González, Mariña Amo Seco, María Bouzas Díaz, María García Carballo, Teresa Fernández Quintáns e Sandra Méndez Castro, a benxamina, con 11 anos.

Coa súa calidade vocal e instrumental, este grupo de dez mulleres representan a riqueza da música tradicional da comarca do Sar. Neste proxecto musical colaboran a Agrupación Cultural San Pedro de Carcacía, a Agrupación Folclórica Cultural O Pedrón, a Escola Municipal de Música de Padrón, o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, e as pandeireteiras das  Asociacións de amas de casa de Rois e das mulleres rurais de Ermedelo e Urdilde.

Agradecementos

O CIM Terras de Iria e os concellos de Dodro, Padrón e Rois agradecen a colaboración desinteresada de todas as agrupacións anteriormente citadas e de todas aquelas persoas que desde o primeiro momento se amosaron dispostas a participar na iniciativa. Estenden a súa gratitude ao Convento do Carme de Padrón e á Fundación Casa Rosalía de Castro, onde se gravaron as localizacións exteriores do videoclip.

Sororidade é unha produción da empresa compostelá Alicentis SL para o CIM Terras de Iria. Conta co apoio dos concellos de Dodro, Padrón e Rois, da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, da Unión Europea, do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.