Agosto despediuse e con el tamén baixou o pano o Diververán 2022, o programa organizado polo Concello de Rois para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar ás familias do municipio durante o período de vacacións estivais das súas crianzas. A edición deste ano foi a máis participativa en canto a número de inscritos. Ao longo dos meses de xullo e agosto pasaron por este programa, cofinanciado pola Xunta, máis de 180 nenos e nenas de 3 a 13 anos de Rois e de municipios da contorna como Ames, Padrón e Pontecesures.
O programa dividiuse en 4 quendas de 15 días cada unha nas que se combinou a práctica deportiva con diferentes obradoiros (cociña, pintura, manualidades..), xogos en equipo, ximcanas, andainas, saídas á praia, festas temáticas (da escuma, de disfraces…) ou mesmo excursións, como a realizada ao Acuario da Coruña onde os nenos e as nenas puideron ver a alimentación das quenllas das focas. As instalacións dos centros educativos do CPI Plurilingüe dos Dices, en Rois, e o CEIP Plurilingüe de Pumar, en Urdilde, foron os escenarios principais onde se desenvolveu o programa, ademais de facer uso dos polideportivos municipais.
Os nenos e as nenas do Diververán tamén tiveron a oportunidade de facer un taller co OTC Chorima e de experimentar con algunha que outra receita no local da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde.
O espectáculo da Maga Fani e Martín Camiña, o pasado 30 de agosto, serviu para despedir a edición do Diververán deste ano. A actuación, inserida na programación de Cultura no Camiño, reuniu no patio do CEIP O Pumar de Urdilde a toda a rapazada que pasou polo programa ao longo das diferentes quendas.
O Concello de Rois quere agradecer a participación no Diververán dos nenos, das nenas e das súas familias. Tamén fai extensivo o agradecemento ao equipo de monitorado, á dirección e a todas aquelas persoas e entidades que colaboraron, dun xeito ou doutro, na realización deste programa.