Máis de 180 nenos e nenas de entre 3 e 13 anos de idade asistirán este ano ao Diververán, sendo a edición con maior volume de participantes. Dito programa, organizado polo Concello de Rois e cofinanciado pola Xunta de Galicia, a través das axudas para a promoción da igualdade, arrincará o vindeiro luns, 4 de xullo, e desenvolverase ao longo dos meses de xullo e agosto. Coa posta en marcha deste programa, o Concello de Rois quere facilitar a conciliación da vida laboral e familiar ás familias do municipio.

O Diververán non só acollerá este ano a nenos e nenas de Rois, senón que da tamén cabida a rapaces e rapazas dos concellos da contorna como Ames, Padrón ou Pontecesures.

A piques de comezar o programa, o Concello de Rois deu a coñecer ao equipo de monitorado responsable desta edición e que estará dirixido por Alejandro Conde.

Grandes xogos, deportes, cultura, excursións, xogos populares, arte e, sobre todo, diversión será o que lles agarde a todos e todas as participantes.

O programa, que contempla 4 quendas de quince días cada unha a partir do 4 de xullo, desenvolverase durante o mes de xullo nos centros educativos do CPI Os Dices e o CEIP O Pumar de Urdilde; e en agosto, no centro de Urdilde, ademais de facer uso dos polideportivos municipais. O Concello quere agradecer publicamente aos centros educativos a cesión dos seus espazos para poder desenvolver o programa de conciliación.