Máis de cen persoas acudiron hoxe á estrea do videoclip Sororidade no auditorio municipal de Rois, co que o Centro de Información á Muller Terras de Iria conmemora este ano o 8M. Trátase dun proxecto audiovisual e musical colectivo que conta co respaldo dos concellos de Dodro, Padrón e Rois. No vídeo participan 35 mulleres de todas as idades, entre pandeireteiras, actrices e figurantes. Moitas delas, acompañadas por familiares e amizades, estiveron presentes esta mañá nun emotivo acto que rematou coa interpretación en directo da peza tradicional con arranxos e letra de Jéssica Beiroa. Asistiron á presentación de Sororidade os alcaldes de Rois, Ramón Tojo; Dodro, Xabier Castro; e Padrón, Antonio Fernández; así como membros das tres corporacións locais.

Con esta iniciativa o CIM Terras de Iria busca poñer a énfase na importancia da sororidade, isto é, da solidariedade entre mulleres, así como no empoderamento feminino, para celebrar o Día Internacional da Muller. “Este proxecto serve para seguir dando a coñecer que o CIM Terras de Iria está aquí para axudar ás mulleres dos tres municipios”, explicou Isabel Ramos Boo, directora do CIM, quen recalcou a importancia de “axudarnos as unhas ás outras e, sobre todo, deixarnos axudar”. “A sororidade require dun compromiso diario”, incidiu.

Ramos amosouse agradecida porque “tantas persoas dos tres concellos, tanto diante como detrás da cámara, participasen nun proxecto conxunto para falar da solidariedade entre nós”. “Este ano no que as Tanxugueiras puxeron tan de moda un instrumento tan noso, pandeireteiras de toda a comarca crearon un grupo extraordinario para interpretar a canción de Jéssica Beiroa”, destacou a directora do CIM. 

Ramón Tojo puxo en valor a colaboración entre os tres concellos de Terras de Iria que se deu neste e noutros proxectos dende hai anos, porque “sumar forzas e compartir esforzos é a mellor maneira de chegar á meta”. O rexedor de Rois louvou o traballo do CIM Terras de Iria no asesoramento e sensibilización a prol dunha “igualdade que xa é real en moitos aspectos” malia que, como se di en Sororidade, “queda moito por facer”. “Con este vídeo e co que se presentou o 25N, que foi todo un éxito, queremos dar a coñecer os servizos que os tres concellos poñemos á disposición da veciñanza”, explicou Ramón Tojo.

Tamén participou no acto Jéssica Beiroa, autora da letra e dos arranxos musicais de Sororidade e directora do grupo de dez pandeireteiras creado para a ocasión con cantareiras de diferentes agrupacións folclóricas da comarca. “Para min hoxe é un día importante”, expresou Beiroa, “por todo o que esta letra uniu e por todo o que esperamos que esta letra semente”. Na súa intervención, Jéssica Beiroa destacou a importancia de “tecer unha rede entre todas as mulleres para saírmos de situacións difíciles” e tamén de que neste “enriquecedor proxecto” participasen “mulleres normais, de todas as idades, para celebrar esta data e visualizar así que todas podemos ser protagonistas”. 

Pandeireteiras da comarca

Beiroa Fernández dirixe a formación musical que encabeza ela mesma xunto con outras nove rapazas e mulleres de diferentes idades: Alba Romero PortasAlejandra González MagánAndrea Rey CasalFabiola Peraza GonzálezMariña Amo SecoMaría Bouzas DíazMaría García CarballoTeresa Fernández Quintáns Sandra Méndez Castro, a benxamina, con 11 anos. 

Coa súa calidade vocal e instrumental, este grupo de dez mulleres representan a riqueza da música tradicional da comarca do Sar. Neste proxecto musical colaboran a Agrupación Cultural San Pedro de Carcacía, a Agrupación Folclórica Cultural O Pedrón, a Escola Municipal de Música de Padrón, o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, e as pandeireteiras das Asociacións de amas de casa de Rois e das mulleres rurais de Ermedelo e Urdilde.

Mulleres protagonistas de Dodro, Padrón e Rois

No vídeo, ademais das pandeireteiras, actúan unha ducia de mulleres dos tres municipios con perfís profesionais diferentes. Coa súa interpretación xestual e acompañadas doutras tantas figurantes, estas mulleres danlle vida a unha canción que avoga no seu retrouso porque “deixemos nas nosas vidas, desde xa, entrar a sororidade”. 

“Anque non nos coñezamos, un lazo terma de nós”. Esta frase de Sororidade ilustra as conexións invisibles existentes entre as mulleres, aquelas que fixeron posible que persoas de ámbitos tan diferentes se involucrasen nun proxecto coma este. De empresarias e comerciantes a pementeiras ou médicas, pasando por presidentas de clubs de fútbol ou gandeiras, entre outras.

Polo concello de Dodro participan no vídeo as empresarias do sector da pel Ana Muñiz Abuín e Marta Fernández Muñiz, así como Carmela Carou Alcalde, traballadora dunha fábrica téxtil. E tamén Milagros Gómez Reboiras, empregada forestal, quen canta “tócanos a nós agora seguirmos a abrir camiño”.

Un camiño que as “nosas nais, nosas avoas, comezaron paseniño”. En Sororidade reúnense varias xeracións dunha mesma familia de Rois. A gandeira Paula Castro Neo, capataz no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, sae acompañada no vídeo polo seu fillo de seis meses, pola súa nai Lourdes e mesmo pola súa avoa, Mª Carmen Sóñora, que o vindeiro luns fai 104 anos. No exterior do centro de saúde deste mesmo municipio cantan xuntas Vanessa Pérez Villar, médica de familia, e Mª Sagrario Sánchez Rama, limpadora. E na parroquia de Urdilde, Margarita Casal Castaño, empresaria do sector da alimentación, sae acompañada pola súa filla Alba Otero Casal, estudante.

A comerciante padronesa Ramona Vázquez Iglesias, propietaria de Confecciones Regateiro, pon a voz da experiencia coa frase “o que eu vivo compañeira, a ti che pode valer”. Pola súa banda, Milagros González Refojo, presidenta do Consello Regulador DOP Pemento de Herbón, canta ao unísono coas pementeiras Milagros Piñeiro Freire e Rosa Mª Diéguez Rarís. Por último, e máis aló da rivalidade no xogo, dúas presidentas de clubs de fútbol entoan a frase “de fronte teño unha amiga e unha irmá ao meu lado”. Adriana Vázquez Figueroa, presidenta do CD Sar Extramundi, e Guadalupe Gómez Calvo, presidenta da SD Esclavitud, aparecen no vídeo acompañadas por oito nenas futbolistas de base destes equipos.

Agradecementos

O CIM Terras de Iria e os concellos de Dodro, Padrón e Rois agradecen a colaboración desinteresada de todas as agrupacións culturais e de todas aquelas persoas que desde o primeiro momento se amosaron dispostas a participar na iniciativa. Estenden a súa gratitude ao Convento do Carme de Padrón e á Fundación Casa Rosalía de Castro, onde se gravaron as localizacións exteriores do videoclip.

Sororidade é unha produción da empresa compostelá Alicentis SL para o CIM Terras de Iria. Conta co apoio dos concellos de Dodro, Padrón e Rois, da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, da Unión Europea, do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O martes 8 de marzo terá lugar a presentación do videoclip no auditorio municipal de Padrón (20.00 horas), como parte da programación conmemorativa do 8M no municipio. Dende hoxe mesmo, Sororidade difundirase a través das páxinas web e redes sociais do CIM Terras de Iria e dos tres concellos que o promoven.