Literatura, música, deporte e maxia forman parte da ampla programación do Concello de Rois para o mes de xuño.
María Losada presentará o vindeiro venres, día 6, o seu segundo libro, El club de los neurodivergentes. Más que todo. O acto será no auditorio municipal a partir das 19.00 horas, e no mesmo participarán Marisol García Penalta e Montserrat Triñanes Rodríguez, xerente e vicepresidenta da Asociación Galega de Asperger. A cita servirá para reflexionar e coñecer máis polo miúdo a diversidade e a neurodiverxencia da man dunha autora que, ademais de docente, é unha activa divulgadora.
O sábado, día 7, está programada unha excursión á Semana Verde de Silleda para persoas empadroadas en Rois. O prazo para anotarse remata o mércores día 4 no enderezo electrónico inscricions@rois.gal ou chamando ao 981 816 061.
O día 11 inaugúrase a exposición de traballos realizados polo alumnado que acudiu aos cursos de Palillos e vainica e ao de Arte e creatividade. A exposición poderá visitarse no edificio multiúsos durante as seguintes semanas.
As actividades deportivas tomarán o relevo o sábado día 14, coa celebración do II Torneo infantil de tenis do Santo Isidro, que se vai disputar no polideportivo de Rois a partir das 10.00 horas.
O xoves 19 o alumnado que participou nas escolas deportivas municipais pechará o curso con dúas exhibicións de todo o que progresaron este ano. O acto de clausura comezará no polideportivo de Urdilde a partir das 10.30 horas. Pola tarde celebrarase outra gala no pavillón de Rois, a partir das 16.00 horas.
E coincidindo co comezo das vacacións de verán nos colexios, o Concello de Rois abrirá o sábado 21 de xuño a piscina municipal de Senra a partir das catro da tarde. Este ano, a principal novidade é que que para acceder á mesma será necesario presentar un carné que se pode obter enviando un correo a inscricions@rois.gal facilitando nome, apelidos, enderezo das persoas solicitantes e o xustificante de pagamento. Os carnés recolleranse no edificio multiúsos.
Os prezos para acceder este ano a piscina, para a veciñanza empadroada en Rois, serán de 5 euros por temporada para maiores de 10 anos e de 12 euros para familias completas. Os menores de 10 anos terán acceso gratuíto, pero tamén necesitan o carné. Os prezos para persoas non empadroadas será de 1 euro/día para menores de 4 a 10 anos, e de 2 €/día para maiores desa idade. Os menores de 4 anos accederán de xeito gratuíto.
Ese mesmo sábado, 21 de xuño, celebrarase no polideportivo de Urdilde o xantar para celebrar o fin de actividades municipais para persoas adultas. O prazo de inscrición remata o 15 de xuño. O día 28 volve celebrarse no campo da festa de Urdilde a xornada de labores ao aire libre durante todo o día.
A música collerá o protagonismo o domingo 22 na festa de Sorribas, coa actuación da Banda de música de Padrón ao mediodía co programa Cultura Dispersa. Dous días máis tarde, o mércores 24, será DJ Babi quen anime as festas de Buxán á noitiña.
A Escola municipal de Música volverá a ofrecer un concerto o domingo 29 pola tarde, coa actuacións das diferentes agrupacións da ESMU.
O mes rematará coa maxia. A compañía Magia en la manga levará o seu espectáculo Quen quere ser mago? ao campo da festa de Rois a partir as 12.00 horas, neste caso, dentro do programa Cultura no Camiño.
Para celebrar algunhas destas actuacións, o Concello de Rois conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

















