O club de persoas centenarias de Rois conta cunha nova integrante. Josefina Lago Rey recibiu onte na súa casa natal de Macedos (na parroquia de Urdilde) a visita do alcalde, Ramón Tojo Lens, e do tenente de alcalde, Manuel dos Santos, que lle fixeron entrega dun ramo de flores, unha carta de felicitación e un peregrino conmemorativo para felicitala polo seu 100 aniversario. “Gústame levarme ben con todo o mundo”, explica como o segredo da súa lonxevidade. “Todo o mundo coincide que é unha persoa de paz”, asegura a súa filla Chelo Castro, coa que convive.


Josefina Lago sigue vivindo na mesma casa na que naceu e na que se criou, como a menor de nova irmáns, sete dos cales emigraron a Arxentina. Gústalle moito conversar e saír pasear polo campo, algo que está desexando poder facer de novo en canto volva o bo tempo.
Toda a súa vida dedicouse a traballar no campo e a coidar da casa e das crianzas. O seu forte era a cociña. “Ata os 94 anos seguín cociñando, pero agora xa non podo”, afirma. Tivo un fillo, xa falecido, e tres fillas, que viven cerca, e agora goza cos seus catro netos e cinco bisnetos.


Durante estes días tivo moitas visitas e agasallos de familiares e veciñanza. Especialmente emotiva resultoulle a carta de felicitación que recibiu de José Veiga Gandarela, que está a punto de cumprir 104 anos.