A empresa Eulogio Viñal comezou a instalar xa os dous semáforos que van controlar a velocidade en Rois, no cruzamento da AC-301 en Antequeira, para mellorar a seguridade viaria.
Esta intervención fóralle solicitada polo Concello á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que adxudicou as obras o pasado 9 de marzo, cun investimento de máis de 34.000 euros.
O alcalde, Ramón Tojo, considera que esta obra vai servir para diminuír o numero de accidentes na zona e mellorar a seguridade viaria. Estes días estanse a instalar dous semáforos, un en cada sentido, cun sensor de velocidade con cambio a vermello ao superar os vehículos os 50 km/h.
Espérase que esta actuación mellore a seguridade viaria, tanto de peóns como de vehículos. O cruzamento da AC-301 coa estrada provincial DP-3302 atópase nun cambio de rasante, que dificulta a visibilidade, con risco de accidentalidade por exceso de velocidade.