O Concello de Rois volveu vivir este sábado, 9 de maio, unha gran xornada de ciclismo coa celebración da XIX edición do Premio Ciclista do Santo Isidro – Trofeo Suso Blanco Villar, unha cita xa consolidada dentro do calendario galego de base e puntuable para a Copa Galicia do Porvir.
A proba, organizada polo Club Ciclista Padronés Cortizo en colaboración co Concello de Rois, reuniu a 108 ciclistas das categorías cadete e júnior masculina e feminina, ademais da elite-sub23 feminina, nunha intensa tarde deportiva marcada tamén pola choiva, que non impediu que a veciñanza se achegase a distintos puntos do percorrido para seguir e animar aos corredores e corredoras.

A carreira desenvolveuse nun circuíto circular con saída e chegada diante da Casa do Concello de Rois e percorreu diferentes puntos do municipio e da contorna, cun trazado de 53 e 68,5 quilómetros, respectivamente, segundo as categorías participantes.

No apartado deportivo, na categoría cadete masculina o triunfo foi para Hugo Rodríguez, do Club Ciclista Teis, seguido de Raúl Fernández e Mario Miguélez, ambos do Cambre La Fuga. Na categoría feminina, a vencedora foi Leire García, do B Travel-CC Ponteareas, por diante de Alma Díaz, do CCB Becani, e Mariela Pérez, tamén do B Travel-CC Ponteareas.
Na categoría júnior masculina, a Picusa Academy dominou a clasificación ocupando as tres primeiras posicións do podio con Rodrigo García, que cruzou a meta en primeira posición, seguido de Xian Alvariño e Felipe Mota.

Pola súa banda, na categoría elite-sub23 feminina, a mellor clasificada foi Luisa Caroline Ziel, do Old Team, seguida de María Jesús Barros, do Supermercados Froiz, e de Carol Nohelia Masabanda, tamén do Old Team.
Ademais, Hugo Rodríguez acadou na categoría cadete os trofeos ao Sprint Especial, Metas Volantes e Premio da Montaña. Entre os júniors, os galardóns estiveron máis repartidos, xa que Rodrigo García levou os premios das Metas Volantes e do Sprint Especial, mentres que Felipe Mota se impuxo no Premio da Montaña.
Entrega de premios
A entrega de premios celebrouse diante da Casa do Concello coa presenza do alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; da tenente de alcalde, Mercedes Basante; do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Cobas; do presidente Padronés Cortizo, Tanis Vázquez, e do ex ciclista profesional Suso Blanco Villar, que dá nome ao trofeo.


Desde o Concello de Rois destacan o importante labor organizativo realizado polo Club Ciclista Padronés Cortizo, así como a implicación da Garda Civil de Tráfico, do voluntariado e de todo o persoal que formou parte do dispositivo de seguridade da proba.
O goberno municipal agradece tamén a comprensión da veciñanza polos cortes selectivos de tráfico realizados durante a tarde e o respaldo mostrado, unha vez máis, a unha cita deportiva que continúa medrando edición tras edición dentro da programación das festas do Santo Isidro.


















