• A música galega seduciu ao público italiano, que se sorprendeu coa vistosidade dos traxes típicos

  • A actuación rematou coa interpretación conxunta de “Se chove”, cos asistentes postos en pe

  • Manuel Cobas, Esperanza Mara Filgueira e Vittore Pecchini coinciden en que estes intercambios axudan a incrementar entre a mocidade a conciencia e a importancia de sentirse europeos

 

1-06-2018. Venecia. A Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois e Chorima remataron hoxe a súa estadía en Venecia cun concerto no que a música galega foi a protagonista e acabou seduncido ao público asistente. A interpretación de “Lela”, “Quen puidela namorala” ou “Se chove” acabaron emocionando a máis dun dos presentes, ao que debe engadirse a sorpresa ao escoitar as pandeiretas. A conclusión desta semana de convivencia entre galegos e italianos e a de que estes intercambios fomentan entre a xuventude a conciencia de que pertencemos a un proxecto común que se chama Europa, como coincidiron en sinalar tanto Manuel Cobas, concelleiro de Rois, como Esperanza Mara Filgueira, profesora da ESMU, e Vittore Pecchini, director do Instituto Comprensivo Franca Ongaro.

Despois de cinco intensos días de visitas culturais e de coñecer como viven os venecianos, alumnado e profesorado da ESMU de Rois incluíron no seu segundo e último concerto en Venecia dous temas coñecidos por todos, “Esta Noite”, de Elton John, e “Imagine”, de John Lennon, coa que os italianois se animaron a participar activamente. Tamén tocaron dúas pezas da música tradicional galega que emocionaron a máis dunha persoa presentes na praza de San Trovaso. “Quen puidera namorala” (letra de Álvaro Cunqueiro e música de Luis Emilio Batallán) e “Lela” (letra de Castelao e música de Juan Durán).

O son das pandeiretas de Chorima tamén causou admiración entre os italianos, que se sorprenderon coa vistosidade dos traxes típicos galegos cos que subiron ao escenario os cinco representantes do Obradoiro de Cultura Tradicional, que interpretaron catro temas do seu repertorio: “Xota de Fontefría”, “A Videira”, “Maneo de Erviñou” e “Pandeiretada de Padreiro de Castriz”.

O concerto rematou coa interpretación conxunta dunha peza que forma parte do repertorio popular de Treixadura: “Se chove”, que acabou por poñer ao público de pé nunha mañá con moito calor en Venecia.

Durante o concerto da ESMU e Chorima, os italianos Esperanza Pecchini, ao clarinete, e Samuele Molinari, ao saxo, animáronse a acompañar ao grupo galego, afondando así o espíritu deste intercambio.

Para Manuel Villar, director da ESMU, a estadía en Venecia foi, para o alumnado de Rois, “unha experiencia increíble desde tres aspectos diferentes. Primeiro, unha grande oportunidade de ver outra cultura. Segundo, unha experiencia importantísima a nivel de convivencia con outras familias. E, terceiro, pola música, porque ao noso alumnado lles permite coñecer cómo viven a música outros mozos e mozas como eles”. Unha opinión que comparte Olimpio Iglesias, director de Chorima, ao sinalar que, alumnado de Rois “puido coñecer outra cultura, costumes novas e convivir coas familias nunha cidade importante como Venecia”.

Se en algo coincidiron os promotores e participantes nesta iniciativa e que os intercambios como este contribúen a incrementar a conciencia de ser cidadáns europeos entre a xuventude “e facer máis Europa”, como resumía o concelleiro Manuel Cobas.

Esperanza Mara Filgueira, soprano e profesora da ESMU, ademáis de resaltar a importancia e o impacto positivo que o intercambio xenerou entre o alumnado galego, considera que esta iniciativa “é unha grande maneira de crear unha conciencia de Europa, porque formamos parte dun todo e tanto eles como nós vamos adquirir un subconsciente no que poidamos sentirnos cidadáns dun mismo sitio”.

Unha idea que tamén resalta Vittore Pecchini, director do Instituto Comprensivo Franca Ongaro (a escola de primaria de Lido de Venecia) e colaborador do Liceo Musical de Venecia (o instituto de secundaria). Pecchini considera que a función principal destes intercambios e que axudan á xuventude a entender “a idea de que non somos fillos dunha cidade, dunha rexión ou dun estado. Somos fillos dunha comunidade máis grande, que é Europa. Os problemas existen, e os seres humanos temos que entender e solucionar este problemas cunha perspectiva global”, afirma.

O intercambio entre a ESMU e o OCT Chorima estivo promovido e financiado polo Concello de Rois, coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, que facilitou o contacto con Vittore Pecchini para levalo a cabo.

Durante a súa estadía en Venecia a comitiva, formada por unha vintena de persoas, puido coñecer os lugares máis emblemáticos da cidade italiana, afondar na súa historia e tradicións, e coñecer como viven as familias, xa que a maioría conviviron estes días en casas de alumnos do instituto comprensivo Franca Ongaro e do Liceo Musical de Venecia.

Incluso, o mércores, os membros da comitiva galega, acompañados por algúns dos anfitrións italianos, tiveron a oportunidade de asistir a ópera para ver a representación de “La Traviata” no Gran Teatro La Fenice, un dos máis importantes de Italia. Unha experiencia que, para Xoel Cristobo, o batería da ESMU de Rois con tan só nove anos, “foi o mellor deste intercambio”. Xoel foi un dos músicos que se animou a ensaiar coa orquestra do Liceo Musical de Venecia, recibindo a felicitación dos músicos italianos.

Antes do concerto e de rematar a estadía en Venecia, o xoves pola noita a comitiva galega e as familias italianas que participan neste intercambio participaron nunha cea de confraternidade na que cada quen aportou comida típica. Manuel Cobas, Manuel Villar e Olimpio Iglesias foron os encargados de preparar algúns pratos típicos, como o queixo, xamón, sardiñas, zamburiñas e a tarta de Santiago, que causaron sensación entre os italianos. Pequenos e maiores participaron en animadas conversas e en diferentes xogos, ata que os integrantes de Chorima comezaron a interpretar algúns temas da música tradicional galega, ante o que a maioría dos asistentes se animou a bailar.

A segunda parte deste intercambio ocorrerá en setembro, cando alumnos do Instituto Franca Ongaro e do Liceo Musical de Venecia visiten o concello de Rois, “onde serán recibidos cos brazos abertos”, como lles anuncio esta mañá Manuel Cobas na presentación previa ao concerto.

A media mañá, o expedición galega inicia o viaxe de regreso a Rois, en autobús dende Venecia a Milán e, dende aquí, en avión ata Santiago.