O alumnado e profesorado da Escola de Música Municipal de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima ofreceron o seu primeiro concerto en terras húngaras como celebración do domingo de Pascua. Unha igrexa católica do pobo de Hollókó acolleu aos músicos do Concello de Rois despois de que visitaran o municipio e o seu castelo. No seu repertorio contaron con cancións coma ‘Lela’, ‘Imagine’ e ‘Palabra de Casamento’, que converteron nun éxito total o acto.
O pasado xoves 18, o alumnado e profesorado da Escola de Música Municipal de Rois e do Obradoiro de cultrua Tradicional puxeron rumbo a Hungría no segundo intercambio internacional promovido e financiado Concello de Rois. Gracias ao irmandamento con pobos doutros tres países europeos en novembro de 2017 os participantes no intercambio poderán gozar da música, as costumes e as principais institucións de Pasztó, unha localidade duns dez mil habitantes situada a oitenta quilómetros ao norte de Budapest, a capital de Hungría.
Onte, domingo de Pascua, foi o día grande da viaxe. Despois de visitar o pobo de Hollókó e o seu castelo, os integrantes da Escola Municipal de Música de Rois e o OCT Chorima ofreceron o seu primeiro concerto nunha igrexa católica, onde compartiron un anaco da cultura galega co resto do mundo. Na actuación, escoitáronse cancións coma ‘Quen poidera namorala’, ‘Lela’, ‘Can help falling in love’, ‘We are the Champions’, ‘Halleluhaj’ e ‘Imagine’, da man do grupo da Escola Municipal de Música de Rois. Pola súa banda, o repertorio dos membros de OCT Chorima estivo composto polos temas ‘Estróueles’, ’Palabra de casamento’, ‘Eicho de dar’, ‘A Carrasquiña’, ‘Maneo de Xaviña’, ‘Cantar muiñeira e xota de Padreiro de Castriz’ e ‘Pasodoble de Mallou’.
Tras o rotundo éxito do concerto, Manuel Villar, director da Escola Municipal de Música, obsequiou aos anfitrións como agradecemento pola hospitalidade e amabilidade que están a recibir durante a viaxe. Él mesmo destaca o “traballo e cariño co que Atila, Gabriela, María e Tamas Toth lles están dando a coñecer esa terra”.
Finalmente, hoxe pasarán o seu último día en Hungría visitando as cidades de Mezokövesd, Eger e Szurdokpüspökiunha, situadas ao norte do país. Os participantes coñecerán a praza de Dobó e o castelo de Eger, entre outros lugares, para despedir o segundo intercambio internacional do Concello de Rois.