As actividades municipais infantís do Concello de Rois volverán baixar o pano do curso 23/24 cunha gran festa. O xoves 20 de xuño e o venres 21 o polideportivo e o auditorio de Rois, así como o polideportivo de Urdilde, acollerán as exhibicións dos diferentes deportes, as exposicións dos traballos realizados nestes meses, un concerto e unha representación teatral. A xornada, á que está convidada toda a veciñanza, finalizará coa entrega de diplomas e cunha merenda para a cativada.
Esta festa de fin de curso das escolas deportivas e culturais iniciarase o xoves 20, ás 16.00 horas, no polideportivo de Rois. As nenas e os nenos serán os protagonistas de exhibicións de baile deportivo, tenis, ximnasia rítmica, atletismo e patinaxe artística.
Xa ás 18.00 horas, a actividade trasladarase ao auditorio municipal coa estrea da obra Mórdeme do grupo de teatro municipal Vacalouras. Tamén haberá partidas simultáneas de xadrez, poderase ver a exposición dos traballos do Multiobradoiro de arte e creatividade, así como o concerto A landra viaxeira do grupo Os Jalochos. Tamén no auditorio entregaranse os diplomas aos grupos de teatro, informática-mecanografía e arte. A xornada pecharase cunha divertida merenda para os participantes.
Na xornada do venres 21, o polideportivo de Urdilde acolle as exhibicións e a entrega de diplomas para os grupos de tenis, baloncesto, judo e patinaxe artística a partir das 10.15 horas. A cativada poderá gozar ademais dun doce artesanal así como da festa escolar no patio escolar con inchables e mesmo un xadrez xigante.