As propostas deportivas e socioculturais que dende o Concello de Rois se lles ofrecen durante o curso tanto a menores como a persoas adultas retoman a actividade este luns 2 de outubro e durante todo o mes poderán probarse de xeito gratuíto.
As persoas inscritas teñen de prazo ata o 15 de novembro para efectuar o pagamento das modalidades que se aboan por curso completo. O ingreso farase na conta do Concello de Rois ES64-2080-0328-9631-1000-0060 indicando o nome do alumno, a actividade e o lugar. No caso daquelas actividades que se pagan mensual ou trimestralmente, o Concello procederá a cobralo da conta facilitada pola persoa usuaria nas datas correspondentes.
Por outro lado, as persoas inscritas nalgunha actividade que se veu cancelada poderán cambiar a matrícula para o lugar onde si se vaia a realizar a actividade, tanto en Rois como en Urdilde. Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poden dirixirse ao Edificio Multiúsos de Rois ou chamar ao teléfono 981816061.
Escolas deportivas e actividades para menores
No caso dos menores, o Concello de Rois ofertará este curso ata oito actividades deportivas: atletismo, baile deportivo, judo, patinaxe artística (tanto en Rois como en Urdilde) e xadrez. En Urdilde, iniciaranse as clases de baloncesto, pero poderán ser canceladas no caso de que non aumente a matrícula e o horario das sesións de xadrez queda pendente de confirmación co mestre.
Pola súa banda, a rapazada interesada en practicar tenis poderá probar esta actividade o primeiro día no horario que más lle interese do xoves día 5 (Grupo A de 15.30h-16.30h e Grupo B: 16.30h-17.30h), xa que logo se confeccionarán os grupos.
Entre as actividades socioculturais, os menores poderán participar no multiobradoiro de arte e creatividade, en teatro co Grupo Municipal ‘Vacaloras’ e en mecanografía e informática.
Para as actividades de único pagamento (atletismo, baile deportivo, baloncesto, patinaxe artística, tenis, xadrez, ximnasia rítmica e informática e mecanografía (60€/curso) e judo (80€/curso) cada familia debe facer o ingreso no número de conta do Concello de Rois.
O Concello cobrará directamente na conta indicada pola familia a participación no multiobradoiro de arte e teatro, actividades de pagamento mensual e trimestral.
Oferta para persoas adultas
As persoas adultas de Rois poden optar neste curso por un total de seis actividades deportivas entre as que figuran baile en parella, hipopresivos, ioga, zumba e ximnasia de mantemento.
No caso de pilates, as clases en Rois levaranse a cabo os luns e venres e en Urdilde os martes e xoves. Nos dous casos, o primeiro día de actividade impartirase ás 20.30 horas, pero logo faranse dous grupos (Grupo A: 20.00h-21.00h e Grupo B: 21.00h-22.00h).
En canto ás actividades culturais, a oferta abrangue un multiobradoiro de arte e creatividade e o taller de memoria tanto en Rois, como en Urdilde e en Ermedelo.
Os cursos de cociña, encaixe de palillos e vainicas, e de recuperación da música tradicional (pandeireta) están pendentes do agrupamento das persoas inscritas para determinar se finalmente se realizan.
Ingresarase na conta do Concello de Rois o prezo das actividades de único pagamento (baile en parella, ioga, zumba, ximnasia de mantemento +55 e taller de memoria (50€/curso), hipopresivos (40€/curso) e pilates (70€/curso).
No caso de estar inscrito/a en hipopresivos e zumba, a cantidade total que se aboará con desconto é de 75€/curso, por pilates e zumba 95€/curso, e no caso de acudir a hipopresivos, zumba e pilates o pago será de 130€/curso.
Nas actividades de pagamento mensual ou trimestral como é o multiobradoiro de arte (50€/trimestre), o Concello realizará o cargo no número de conta indicado por cada persoa na ficha de inscrición.