O Concello de Rois pecha este domingo 8 de setembro a temporada de verán na piscina municipal, tras uns meses no que a meteoroloxía foi un factor determinante para a afluencia de usuarios.

Durante a primeira quincena de xullo o tempo non foi o mellor aliado, o que repercutiu nunha menor asistencia ás instalacións. Porén, a partir de mediados de xullo, co regreso do bo sol e a calor, a piscina rexistrou unha alta afluencia, superando en moitos días do verán os 180 bañistas. Incluso nos días máis nubrados ou con condicións meteorolóxicas desfavorables, algúns valentes non dubidaron en achegarse para gozar das instalacións situadas na parroquia de Ermedelo. 

Este ano, como novidade, as instalacións ampliáronse para mellorar a experiencia dos usuarios. Engadiuse unha nova zona destinada a tomar o sol, permitindo que os bañistas poidan relaxarse e desfrutar dun espazo máis amplo. Ademais, estreamos unha piscina infantil pensada para os máis pequenos que aínda non saben nadar, garantindo así a diversión e seguridade para toda a familia.

Lembramos que o horario das instalacións para este domingo, o último día de apertura, permanecerá de 16:00 a 20:30 horas. O acceso como sempre será gratuíto.

Dende o Concello de Rois, queremos agradecer a todos os usuarios pola súa participación e comportamento ao longo da tempada. Seguiremos ofrecendo de novo este servizo o próximo verán, sempre coa intención de mellorar e seguir sendo un lugar de encontro e lecer para toda a comunidade.

Por outra banda, recordamos tamén que ademais destas instalacións, a veciñanza e os visitantes gozaron neste verán da praia fluvial de Seira. Esta contorna natural foi de novo unha gran opción para gozar dunha auga de calidade óptima para o baño e das súas zonas verdes e da área de descanso, con mesas e bancos.