
Emoción e moitos aplausos no auditorio municipal na homenaxe que o Concello de Rois lle rendeu este 7 de marzo a Marisa Neo Mejuto, que recibiu o II Premio Extraordinario do Día da Muller en recoñecemento aos 37 anos de docencia que impartiu no municipio formando a varias xeracións de roisenses, primeiro en Xei e despois nos Dices. Marisa Neo dedicoulle o premio ás “mulleres rurais de Rois e ás mulleres traballadoras, encargadas da casa, do campo e coidadoras dos seus fillos e dos seus maiores”.
O alcalde, Ramón Tojo, entregoulle a Marisa Neo un cadro feito pola tamén artista roisense Lara Barreiro, e Mercedes Basante deulle un ramo de flores. Antes, durante a lectura do manifesto institucional, a concelleira de Servizos Sociais recoñeceu a “resistencia, a solidariedade e a valentía das mulleres ante os desafíos globais actuais, como a crisis sanitaria, económica e social na que vivimos”.
Antes da entrega do recoñecemento proxectouse un vídeo no que se recolle a traxectoria de Marisa Neo e a súa pegada en Rois. “Intento transmitir aos meus alumnos os valores que ela me inculcou”, asegura Nieves Rodríguez, ex alumna da homenaxeada nos Dices e actualmente profesora no IES de Pontepedriña en Santiago. “Dona Marisa marcou a miña vida moito. Eu fixen BUP, FP e levo trinta anos traballando de administrativo grazas a que convenceu a máis pais para que me deixaran estudar”, asegura Marcelino Tronceda, outro dos seus ex alumnos.

Nada en Agolada no ano 1945, Marisa Neo incorporouse á docencia no ano 1968 e, tras pasar un ano en Muxía, chegou ao municipio roisense para dar clases en Xei (Buxán) e finalmente en Rois no ano 1976, onde permaneceu ata que se xubilou en 2026. “Fixo un esforzo moi grande, porque en xullo deu a luz a súa primeira filla e, no mes de setembro marchou dar clases a Muxía. Pero grazas a iso, ao ano seguinte puido coller a praza en Xei”, asegura no vídeo o seu marido, Manuel Rey.
Durante os trinta anos que permaneceu no colexio de Rois formou varias xeracións de veciñas e veciños e foi unha das impulsoras da construción do actual colexio dos Dices, no que exerceu os cargos de xefa de estudos e de directora.
No acto Marisa Neo estivo acompañada pola súa familia (un neto entregoulle un ramo de flores) e no mesmo déronse cita moitos ex alumnos e ex alumnas de Marisa Neo, así como mestres e mestras que compartiron etapa con ela no CPI dos Dices. Marisa Neo recibiu moitos aplausos e o agarimo de todas as persoas presentes.

Premios dos concurso de carteis do 8M
Despois do acto, Marisa Neo, xunto con Ramón Tojo e Mercedes Basante, entregaron os premios ao alumnado que gañou o Concurso escolar de carteis do 8M.
O espectáculo de Raquel Queizás para público familiar Cinema de historias da man de Alice Guy pechou o acto institucional que organizou o Concello de Rois para conmemorar o Día Internacional da Muller.
