Cartel de Divernadal 2024, campamento de conciliación do Concello de Rois

DiverNadal, o programa de conciliación que o Concello de Rois organiza cada ano para ofrecerlles os escolares actividades lúdicas e educativas durante as vacacións de Nadal, abre o prazo de inscricións este luns 4 de novembro. Como novidade deste ano, DiverNadal contará con dúas quendas e poderase reservar tanto o servizo completo como unha soa quenda.


O prazo de inscrición para o DiverNadal 2024 permanecerá aberto entre o luns 4 de novembro e o venres 22 de novembro, período no que as familias poderán solicitar o servizo para nenas e nenos de 4º de infantil en adiante cubrindo o formulario que atoparán dispoñible no apartado de xestións e trámites da páxina web municipal a través da seguinte ligazón: https://inscripcionroissocioculturagl.brainbond.es/


Establécense dúas quendas que cubren a totalidade das vacacións de Nadal, agás fins de semana e festivos, entre as 7.30 e as 14.30 horas. A primeira das quendas abrangue dende o 23 ao 31 de decembro e a segunda desenvolverase os días 2, 3 e 7 de xaneiro. As familias poderán escoller, segundo lles conveña, unha das quendas ou o servizo completo.


Todo o DiverNadal terá un prezo de 45 euros por neno/a para o horario de 9.30 a 14.30 horas. No caso de elixir ademais o servizo de madrugadores, entre 7.30 e 9.30 horas, o custo será de 49,50 euros. Quen opte por quendas soltas, pagará pola de decembro 36 euros polas cinco horas e 39 euros coa ampliación horaria de mañá. A quenda de xaneiro custará 18 euros e 19,5€, respectivamente.


Sobre estes prezos aplicarase unha bonificación do 15% a partir do segundo irmán matriculado e poderán beneficiarse tamén dun desconto do 15% no total da matrícula as familias numerosas, monoparentais ou que teñan algún membro cunha discapacidade de recoñecida de máis do 33%.


Por causa da existencia de prazas limitadas, terán preferencia os menores empadroados/as en Rois.