20180920 Formacion AdultosO Concello de Rois programou para este outono-inverno un amplo programa formativo dirixido ás persoas adultas do municipio, con actividades que van das manualidades á música tradicional pasando pola micoloxía ou as novas tecnoloxías. A inscrición pode realizarse ata o venres 5 de outubro no Concello de Rois, no edificio multiusos de Rois ou na oficina municipal de Urdilde.

No mes de outubro terá lugar un curso intensivo sobre recursos e técnicas lúdicas para o traballo coa primeira infancia. Desenvolverase en dúas xornadas completas, os sábados 20 e 27. Está dirixido a mozos e mozas cun perfil socioeducativo e ten un custe de 25 euros.

Ligadas ao contorno natural hai dúas actividades, unha de poda e enxertos en fruticultura e outra de micoloxía. A primeira consta de 10 sesións de dúas horas cada unha, que se desenvolven os venres de 20.00 a 22.00 e os sábados de 10.00 a 12.00. Polo que respecta ao curso de micoloxía, terá lugar no mes de novembro, tamén en sesións de tarde os venres e de mañá os sábados. Ambos os cursos dous teñen un prezo de 30 euros.

No ámbito da tecnoloxía encádranse os cursos de informática (os martes) e uso do teléfono móbil (os xoves), de 17.00 a 19.00 horas. O prezo destas actividades é de 30 euros.

As conservas artesanais, os palillos e vainicas, a cestería, a pandeireta e recuperación de música tradicional e as manualidades son outras das temáticas dos cursos de formación para adultos. Todos estes teñen un prezo de 5 euros por mes. Por último, organízanse tamén talleres de memoria para favorecer un envellecemento activo.