O Concello de Rois volve poñer en marcha durante este verán Cultura Dispersa, o programa que naceu durante a pandemia do covid-19 no ano 2020 co obxectivo de colaborar co sector cultural, co tecido asociativo e coas comisións de festas do municipio. Dende este mes de xuño e ata outubro, sucederanse as representacións e as actuacións musicais de diferentes bandas, agrupacións tradicionais e discotecas móbiles.
Todos os eventos celébranse no campo da festa, agás en Costa que será no local social, e contan coa colaboración das comisións de festas e das redes asociativas do Concello así como co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
O programa de Cultura Dispersa 2024 abriuse xa este sábado coa actuación da disco móbil Chocolate en Sorribas. O bo tempo e as ganas de troula acompañaron a subida de pano desta serie de propostas que terán continuidade o 20 de xullo en Herbogo, cos mesmos protagonistas.
O domingo 21 de xullo a festa trasladarase ata Ribasar, onde a agrupación local OCT Chorima homenaxeará ao folclore galego ao son da gaita, da pandeireta e cos bailes das distintas comarcas nun espectáculo que contaxia alegría e ganas de pasalo ben.
A seguinte cita na axenda será na noite do luns 5 de agosto en Augasantas, co Dúo Son II, mentres que o mércores 7 ao mediodía actuará a Banda de Música de Lousame en Rois.
A discoteca móbil Chocolate volve para facer bailar á veciñanza de Seira, de Oín e de Leroño o domingo 11 de agosto, o xoves 15, e o venres 16, respectivamente. O 16 tamén haberá troula en Urdilde cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Charada.
Coa chegada do mes do setembro o programa Cultura Dispersa trasladarase ata Ermedelo, coa actuación de OCT Chorima o domingo día 1 ao mediodía, e ata Buxán, onde os veciños e veciñas poderán gozar ao mediodía do bo facer dos integrantes da Banda de Música de Padrón.
A última das propostas previstas para a edición deste ano 2024 será en outubro no local social de Costa. Brais das Hortas amosará en ‘Contos para caghar papatillas’ unha morea de historias cheas de música, de humor, de efectos especiais, de participación do público e de baile.