Máis dunha trintena de veciñas de Rois participaron esta fin de semana na Convivencia de Mulleres, organizada polo Concello a través do Departamento de Servizos Sociais. As participantes viaxaron, nesta ocasión, ata Portugal para coñecer as localidades lusas de Mirando do Douro (onde realizaron unha visita en barco ao parque natural das Arribes) Bragança e Braga.
A diferencia doutras edicións, no grupo deste ano participaron mulleres do municipio de diversas idades, non só xubiladas ou pensionistas. O feito de coincidir a convivencia coa fin de semana posibilitou que se incorporasen á actividade mulleres traballadoras e tamén persoas máis novas. Todas elas estiveron acompañadas durante toda a viaxe pola traballadora social e pola educadora familiar do Concello de Rois, Eva Castro e Uxía Pérez, respectivamente.
Convivencia de mulleres é unha das actividades máis esperadas do ano polo colectivo feminino de Rois, destinada exclusivamente a elas, que se desenvolve sempre no mes de novembro, coincidindo coa conmemoración da non violencia contra as mulleres. Estes dous últimos anos, debido ás restricións derivadas da Covid-19, esta actividade quedou paralizada.