Coidados porta a porta, o programa da Xunta de Galicia que presta atención ás persoas maiores do rural co fin de previr a dependencia, prestará os seus servizos en Rois o vindeiro mes de febreiro. En concreto, unha unidade móbil estará instalada detrás da Casa do Concello os días 17, 20 e 22 de febreiro.

Coidados porta a porta percorre os concellos do rural galego para achegarse ás persoas maiores de 55 anos na súa contorna e ofrecerlles tres tipos de servizos: estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía.

Para poder gozar destes servizos, as persoas interesadas deberán concertar cita previa chamando aos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992 e poderán facelo xa dende mañá, martes 17 de xaneiro. Tamén se pode obter máis información e reservar vez no enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Lembrar que a actuación no ámbito da estimulación da memoria busca retrasar e aminorar o proceso de deterioro cognitivo e céntrase nos ámbitos cognitivo e funcional vencellándoos á hábitos de vida saudables e a promoción do envellecemento activo como xeito de evitar a dependencia.

No servizo de podoloxía, os profesionais valorarán o estado xeral do pé das persoas usuarias, ademais de cortarlles as unllas e eliminar as dureza, calosidades e helomas. E, as persoas maiores tamén poderán someterse a unha exploración gratuíta do óido para comparar os seus niveis de audición e frear a perda auditiva.