Un cento de persoas desempragadas da comarca do Sar formaranse nos sectores do metal, téxtil industrial, comercio e hostalaría grazas ao programa integrado de emprego (PIE) Terras de Iria VI, que onte presentou en Padrón o director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Pablo Casal sinalou na presentación que nos últimos anos, os PIE desenvolvidos entre os municipios de Rois, Padrón e Dodro permitiron formar a 500 persoas desempregadas cun apoio de 900.000 euros. Na presentación tamén estiveron presentes os alcaldes de Rois, Ramón Tojo Lens; Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís; e Padrón, Antonio Fernández Angueira.
O Terras de Iria VI é un programa de carácter multisectorial que abrangue formación nos sectores do metal, do comercio, do téxtil industrial e da hostalería. Esta formación complementarase con coñecementos básicos de carácter transversal (como novas tecnoloxías e idiomas), ademais de prácticas laborais, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade laboral e bolsas de asistencia. Como novidade desta edición, os participantes recibirán o certificado de profesionalidade de Actividades Auxiliares de Comercio.
Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 46 programas integrados cun investimento de máis de 10,5 millóns de euros para 4.600 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a comunidade e de contar cunha Galicia máis preparada, obxectivo ao que se prevé destinar, durante este ano 2020, máis de 260 millóns de euros.
Neste sentido, Rois, Padrón e Dodro recibiron, no que vai de lexislatura, apoios por un total millón e medio de euros para impulsar a contratación de persoas desempregadas, axentes de emprego e desenvolvemento local, persoas en situación ou risco de exclusión social e para o fomento do emprego no rural.
Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade.
Os alcaldes destacaron a importancia da formación como medio para acadar un emprego e a oportunidade que, en consecuencia, supón o Programa Integrado de Emprego, ao ofrecer ata 26 accións formativas diversas, nun total de 1.136 horas de formación.