• Estaba previsto celebralo o 18 de xullo

  • Concello de Rois e OCT Chorima agradécenlles a patrocinadores e voluntarios a súa colaboración

  • En canto se levante o estado de alarma comezarán a traballar na edición do 2021

O Concello de Rois e o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima decidiron cancelar o Festival Rois Naturfest, previsto para o 18 de xullo, debido a pandemia da COVID-19 e ao de estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo. A organización deste festival tomou a decisión por motivos de seguridade, forza maior e saúde pública e para cumprir coas normas establecidas polas autoridades sanitarias.

En canto remate o estado de alarma e o Goberno central estableza unha normativa clara para a organización deste tipo de festivais, a organización do Rois Natufest comezará a preparar a edición de 2021. Neste momento, Concello e Chorima, “agradécenlles a todas as persoas que fixeron e fan posible este evento, dende patrocinadores ata voluntarios, a súa colaboración, e agardan seguir contando co seu apoio para o ano que ven”.

O festival Rois Naturfest comezou unha nova andaina en 2018 como unha fusión das dúas citas musicais estivais que se celebraban en Rois: o Chorima Naturfest e o Rois Arrasa!!!. Cunha corta pero consolidada traxectoria, o Rois Naturfest, ten como obxectivo enxalzar a música tradicional galega e situar ao municipio como lugar importante para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido en toda Galicia e no resto da península.

Ademais do festival musical (que o ano pasado contou como prato forte con Treixadura e Virandeira Folk, ademais de grupos folclóricos locais e autonómicos), o Rois Naturfest inclúe un amplo abano de actividades: andaina, trail, actividades culturais e de lecer, e un xantar popular.

Ademais da cancelación do Rois Naturfest 2020, a pandemia da COVID-19 provocou tamén a cancelación das festas patronais do Santo Isidro (incluíndo a feira de artesanía, exposición de razas autóctonas, maquinaria agrícola e actividades deportivas) e de todo o programa ‘Rois no Camiño das Letras Galegas’ previsto para o mes de maio.