- O alcalde Ramón Tojo pediulle autorización á empresa para darlle algún deste material ao GES de Padrón e ao Concello de Dodro
- Destinaranse a persoal sanitario, de Servizo de Axuda no Fogar e operarios municipais que fan tarefas de limpeza
- Chega tamén material de protección da Xunta de Galicia
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu esta mañá a Camilo Vilas a doazón de 300 máscaras protectoras que a empresa de artes gráficas lle fixo ao Concello de Rois e que este, previa autorización do empresario local, compartiu co Grupo de Emerxencias de Padrón e co Concello de Dodro.
Confeccionadas cun material chamado apet, que se utiliza para envases alimentarios, estas máscaras protectoras destinaranse ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, persoal sanitario, servizos sociais, protección civil e operarios municipais que están a facer tarefas de desinfección polo municipio, explicou Ramón Tojo. O alcalde agradece o xesto de Camilo Vilas de facer esta doazón ao Concello e de permitirlle compartir este material con Padrón e Dodro, “porque queremos seguir facendo cousas xuntos os tres concellos dende a mancomunidade Terras de Iria”, engadiu o rexedor local.
Camilo Vilas é o fundador dunha empresa afincada en Rois referente a nivel nacional en artes gráficas e de sinais de cotos de caza na península ibérica. Ademais da entrega ao Concello de Rois, Camilo Vilas dooulle tamén 25 máscaras a cada un dos seus clientes en toda España, como medida para contribuír a loitar contra a propagación do coronavirus COVID-19.
Estas máscaras de apet son flexibles, pódense levar nun portafolios ou nun bolso grande da roupa e van suxeitas á cabeza cunha goma, o que facilita a súa utilización. Estas máscaras foron deseñadas e fabricadas na planta que Camilo Vilas ten en Rois, con capacidade suficiente para producir a grande escala se fose necesario.
Material da Xunta
Ademais do material doado por Camilo Vilas, o Concello de Rois está a recibir material de protección que lle facilita a Xunta de Galicia. En concreto 350 mascarillas cirúrxicas, 300 luvas de nitrilo, 7 botes de medio litro de xel hidroalcohólico, 5 litros de desinfectante clorado, 14 traxes antisalpicaduras e 70 batas protectores que serán distribuídos entre o persoal que está traballar na primeira liña para axudar á veciñanza de Rois e desinfectando espazos públicos para evitar a propagación do coronavirus COVID-19.