As aulas de apoio educativo son un  espazo de intervención socioeducativa para menores en risco de exclusión social. É un programa complementario de educación e apoio familiar dirixido á inclusión social de menores.

Un colectivo de menores cun elevado índice de fracaso escolar considérase moi  vulnerable e cun alto risco de exclusión social. Por isto, os servizos sociais comunitarios xunto cos dous departamentos de orientación escolar do noso concello, detectamos a necesidade de programar accións de apoio a este colectivo que, polas súas circunstancias sociofamiliares, teñen dificultades para acceder a apoios. Con estas accións non só estamos a traballar no hábito e no reforzo escolar, se non tamén  se abordan transversalmente cuestións de xénero e igualdade: a coresponsabilidade, o rexeitamento a estereotipos machistas, reflexións sobre os roles feminino e masculino, etc… E tamén modelos de relación positivos, normalizado e saudables.

As familias destinatarias do programa responden a criterios dificultade económica, déficits para proporcionar os apoios educativos básicos, monoparentalidade ou con medidas de apoio técnico no programa de educación familiar municipal.

O obxectivo do programa é o de introducir cambios nas dinámicas de reforzo escolar para rentabilizar o tempo adicado a esta tarefa. Non só se reforza se non que tamén se dan orientación aos pais para mellorar o sistema de estudo na casa.

As aulas están  titorizadas por unha psicóloga colexiada. Son tres os grupos de menores, e inclúe as etapas de infantil, primaria e secundaria.