As persoas usuarias do centro de día de Urdilde fixeron esta mañá unha representación da canción Terra, coa que As Tanxugueiras competiron recentemente no festival de Benidorm coa intención de acudir a Eurovisión. Con música e bo humor recibiron hoxe ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e ao alcalde de Rois, Ramón Tojo, nun dos primeiros actos públicos que se organizan no centro dende que comezou a pandemia.

Precisamente o coronavirus é o outro protagonista do Entroido no centro de día de Urdilde, na que tampouco faltaron as típicas coplas de carnaval. As persoas usuarias ata lle dedicaron unha ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, diante da que parece inminente marcha do mandatario galego para presidir o Partido Popular en Madrid.

As persoas usuarias do centro recibiron a visita ataviados de peregrinos e “Tanxugueiras” con traxes elaborados por eles mesmos.  Na entrada do centro podíanse ler coplas como “Nin Laza, nin Xinzo nin Verín teñen armado este festín”, “Tanxugueiras non foi a Eurovisión, pero traémolas a Rois que molan mogollón” ou “De China, de Wuhan, veu un virus criminal, tardamos 3 anos pero ímolo aniquilar”.

Nas súas intervencións, Ramón Tojo felicitou a responsables e usuarios “por celebrar o Entroido” e  destacou a importancia e o traballo que se fai no centro de día “por axudar ao desenvolvemento dos nosos maiores”.

O xerente do consorcio desculpou a ausencia da Conselleira de Política Social, Fabiola García, que está acompañando á reina emérita Dona Sofía. Perfecto Rodríguez resaltou que “a Xunta aposta polos centros de día para dar calidade de vida ás persoas maiores” e amosou a súa ilusión cara as persoas usuarias “polo ánimo que amosades para celebrar o Entroido”. Despois da visita, as persoas usuarias continuaron celebrando a festa con música e baile.

Durante a visita, a directora, María Vilas, e o tesoureiro de Cogami e responsables dos centros de día que xestiona a confederación, Álvaro Bustelo, explicáronlle ao xerente e ao alcalde detalles da exposición de traxes rexionais que se poden ver nas instalacións e como foi evolucionando a vida no centro de día de Urdilde, que hoxe celebrou un dos primeiros actos públicos dende que comezou a pandemia hai dous anos.