22 de setembro de 2023
Faise público o listado definitivo de actividades deportivas e culturais que se van desenvolver ao longo do curso 2023-2024, así como aquelas que se suspenden por falta de matrícula e as que están en fase de valoración.
No arquivo adxunto inclúense as observación relativas ao desenvolvemento destas actividades, que comezarán o luns 2 de outubro.
13 de setembro de 2023
Unha vez rematado o prazo de primeira matrícula, o Concello de Rois publica a listaxe das actividades deportivas e culturais que se levarán a cabo neste curso 2023-2024, as que están pendentes de aumentar a matrícula e as que non se realizarán. As clases das actividades confirmadas comezarán o luns 2 de outubro.
Desde este mércores 13 de setembro ata o mércores 20 de setembro estará aberto o prazo de reclamacións e de segunda matrícula.
A listaxe de actividades pode consultarse no documento adxunto e nesta ligazón.
27 de xullo de 2023
Atletismo, hóckey sobre patíns e baloncesto, no caso dos menores; e baile en parella, defensa persoal e hipopresivos, no de persoas adultas, son algunhas das novas actividades que se suman á ampla oferta das escolas deportivas e culturais de Rois para o vindeiro curso 2023/2024, que botará a andar o luns 2 de outubro. O prazo de inscrición estará aberto entre o luns 31 de xullo e o xoves 31 de agosto.
As escolas deportivas municipais, dirixida a nenas e nenos de 4º de educación infantil en adiante, botarán a andar o novo curso o luns 2 de outubro. Ademais de baile deportivo, judo, patinaxe artística, tenis, xadrez, ximnasia rítmica, tenis e iniciación deportiva (para peques de 3 a 6 anos), a rapazada poderá inscribirse este ano en atletismo, hóckey sobre patíns e baloncesto, especialidade esta última que comezou a impartirse xa o pasado mes de decembro.
Todas as actividades desenvolveranse tanto en Rois como en Urdilde. No caso de Rois, o polideportivo acollerá atletismo (martes de 15.00 a 16.00 horas), baile deportivo (xoves, de 15.00 a 16.00 horas o grupo A e de 16.00 a 17.00 horas o grupo B), baloncesto (venres de 15.00 a 16.00 horas), patinaxe (os mércores, de 15.00 a 16.00 horas o grupo A e de 16.00 a 17.00 horas o grupo B), ximnasia rítmica (os martes, de 16.00 a 17.00 horas o grupo A e de 17.00 a 18.00 horas o grupo B) e iniciación deportiva (mércores de 15.00 a 16.00 horas). A unitaria dos Dices acollerá as clases de judo (martes e xoves de 18.00 a 19.00 horas) e xadrez farase no edificio multiúsos (mércores de 18.00 a 19.00 horas).
No pavillón de Urdilde, pola súa banda, desenvolveranse as sesións de atletismo (venres de 15.30 a 16.30 horas), baloncesto (mércores de 15.30 a 16.30 horas), hóckey (martes de 15.30 a 16.30 horas), patinaxe (martes de 15.30 a 16.30 horas) e tenis (luns de 15.30 a 16.30 horas). O ximnasio do CEIP O Pumar acollerá baile deportivo (venres de 16.30 a 17.30 horas), judo (os martes e xoves, de 15.30 a 16.30 o grupo A e de 16.30 a 17.30 o grupo B), ximnasia rítmica (mércores de º16.30 a 17.30 horas) e iniciación deportiva (mércores de 16.30 a 17.30 horas). As clases de xadrez terán lugar no CEIP O Pumar.
A maiores destas actividades, hai que lembrar que as Anpas xestionan cursos de natación na piscina de Brión. A ANPA San Isidro de Rois mantén aberto o prazo de inscrición para a piscina ata o 10 de setembro (descarga aquí o formulario de inscrición) e a de Urdilde abrirá o prazo en setembro
Polo que se refire ás actividades socioculturais para menores, mantéñense todas as propostas que se desenvolveron no curso pasado e volve ofertarse a de contacontos en espera de facer grupo. Tanto en Rois como en Urdilde, a rapazada poderá participar no multiobradoiro de arte e creatividade, en contacontos, en inglés, en mecanografía, en informática e en cociña. Teatro, a cargo do grupo municipal Vacalouras, desenvolverase no auditorio municipal. Mentres, a biblioteca será o lugar de reunión das familias con peques de entre 0 e 3 anos que se apunten a Arorrois.
Para facilitar a conciliación, estará dispoñible novamente o servizo de ludoteca. Xestionado polas Anpas en colaboración co Concello de Rois, prolonga a estancia no centro escolar de luns a venres de 14.40 a 16.40 horas no caso do CPPI Os Dices (descarga aquí o formulario de inscrición da ANPA dos Dices) e de 15.30 a 17.30 horas no caso do CEIP O Pumar (descarga aquí o formulario de inscrición da ANPA de Urdilde). Tamén inclúe os traslados a outras actividades municipais.
Como novidade, hai que subliñar que este ano a ludoteca comezará a funcionar o 11 de setembro, día de inicio do curso escolar. As familias que queiran facer uso do servizo entre esta data e o 30 de setembro deberán poñerse en contacto coa Anpa correspondente.
Os horarios e os prezos das distintas actividades municipais poden consultarse no cadro que acompaña esta nova. Cabe resaltar que nas escolas deportivas aplicarase un 15% de desconto a partir da segunda actividade, na matrícula de irmáns e na de nenas ou nenos pertencentes a familias numerosas.
Accede aquí o formulario de inscrición nas escolas deportivas e culturais para menores
Persoas adultas
Xa no que se refire ás actividades deportivas e culturais para persoas adultas, a oferta increméntase significativamente este curso coas modalidades de baile en parella, defensa persoal e hipopresivos. Tamén volven ofertarse as actividades terapéuticas acuáticas nas piscinas de Padrón e Brión co desexo de acadar un número mínimo de participantes para poder desenvolvelas. Ioga, pilates e zumba, especialidades con moita demanda, continuarán a facerse tanto en Rois como en Urdilde. Así mesmo, haberá grupos de ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos en Rois, en Urdilde, en Ribasar e en Ermedelo.
Os prezos, que oscilan entre os 40 euros de hipopresivos e os 70 de pilates ou das actividades acuáticas, contarán con descontos no caso de combinar determinadas actividades.
En canto ás actividades socioculturais, as persoas adultas poderán participar no multiobradoiro de arte e creatividade, no grupo de teatro, en inglés ou en cursos de cociña, encaixe de palillos e vainica e pandeireta. Así mesmo, dende o departamento de Servizos Sociais volve impulsarse o taller de memoria para maiores de 50 anos, que poderá desenvolverse en Rois, en Urdilde, en Ribasar, en Ermedelo e en Liñares, sempre que haxa un mínimo de 15 persoas anotadas en cada un dos sitios.
Accede aquí o formulario de inscrición nas actividades deportivas e culturais para persoas adultas
A oferta da Escola Municipal de Música e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima completan as alternativas culturais para menores e persoas adultas e contan con procesos de inscrición propios.
Proceso de inscrición
As inscricións para actividades deportivas e culturais municipais deberá facerse en liña no formulario dispoñible na web municipal. O prazo remata o xoves 31 de agosto. O martes 12 de setembro publicarase a listaxe provisional coas admisións e as prazas vacantes e do 13 ao 20 de setembro estará aberto o prazo de reclamacións e segunda matrícula. As listaxes definitivas publicaranse o venres 22 de setembro e as actividades de pago único deberán aboarse entre o 1 e o 15 de novembro.
Para consultas ou máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse ao edificio multiúsos de Rois ou chamar ao teléfono 981 816 061.