Rois celebra en maio as tradicionais festas patronais do Santo Isidro, que este ano tiveron que suspenderse por causa da covid-19. Pasamos confinados a maior parte do mes e logo comezamos a saír por fases. A pandemia non permitiu que houbese xuntanzas ao redor dunha boa mesa como é habitual, pero o Concello non quixo pasar por alto a festividade e puxo en marcha a iniciativa Rois cociña na casa co obxectivo de dar a coñecer a mestría culinaria dos roisenses.
Unha ducia de persoas, de diferentes asociacións, responderon á chamada e metéronse na cociña ao comezo do verán para amosarlle ao mundo, dende a canle de Youtube do Concello de Rois, algunhas das receitas que fan nas súas casas.
A iniciativa, que tivo un grande éxito con centos de visualizacións, plásmase agora nun libro dixital. Nel podemos consultar as catorce receitas, divididas en entrantes, primeiros platos e sobremesas. Non faltan as receitas tradicionais nin tampouco os detalles persoais.
Trátase do primeiro manual de cociña feito pola veciñanza de Rois, cos ingredientes necesarios para eleborar cada plato e como se fan paso a paso. O alcade, no limiar introductorio, sinala que non ten porque ser o último.
Tedes o libro no arquivo adxunto.