20180923 Rois Exposicion Artesania Camiño Publico

Artesanía de Rois e fotografías de diferentes localidades do Camiño Portugués dende Lisboa ata Compostela. Son a esencia da exposición Artesanía e Camiño que onte se inaugurou no edificio Multiusos e que se poderá ver ata o 31 de outubro. Con esta iniciativa, o Concello de Rois e a Fundación Camiño Portugués de Santiago queren conmemorar os 25 anos da primeira peregrinación que fixo a Fundación en 1993 e que, anos despois, permitiría o recoñecemento oficial desta Ruta.

Sonia Ares, ourive e vidreira afincada en Rois, inclúe pezas novidosas de catro coleccións novas. O escultor Camilo Seira presenta varias maquetas que lle gustaría converter en obras de arte. Pola súa banda, Fran Riveiro inclúe entre as pezas que expón varios cadros feitos con café. “A metade tomaba eu e, a outra metade, gardaba para facer os cadros”, dixo durante a presentación. Tamén se poden ver obras feitas por artistas da Asociación AMIPA (Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar).

Ata o 31 de outubro poderanse contemplar no edificio Multiusos obras do canteiro José Conde, de Fraguar Forja Artística e do cesteiro José Luis, todos eles residentes en Rois. Nesta ocasión, e por diferentes motivos, non puideron participar Fundicións Souto e Masquemamás.

Durante a inauguración, Celestino Lores, presidente da Fundación Camiño Portugués de Santiago, explicou que esta iniciativa xurdiu do recente contacto que mantiveron co tenente alcalde Manuel dos Santos, cando este se achegou ao pazo do Faramello para selar as credenciais dos participantes na peregrinación que conmemoraba “a primeira que fixen a Santiago hai 25 anos, cando naceu a Fundación e empezamos a reivindicar o recoñecemento oficial do Camiño Portugués”.

Manuel dos Santos agradeceu que se puidese organizar esta iniciativa, que inclúe fotografías do Camiño Portugués dende Lisboa a Compostela, feitas polo fotógrafo Xulio Gil, coas obras dos artesáns de Rois.

Na inauguración participaron tamén o presidente da Asociación Espaços Jacobeos Portugual, Antonio Devesa, e Eugenio Landín, presidente da Cofradía do Peregrino de Pontevedra, entidades ambas as dúas que colaboran con esta exposición.

Miguel Xaneiro, coa gaita, e os integrantes de Os siareiros dos Xaneiros, foron os encargados de poñer a nota musical á inauguración e animar ao público que onte a tarde viu por primeira vez a exposición.

Pódense ver máis fotografías da inauguración no Facebook do Concello de Rois, neste enlace.