O curso ten unha duración de 200 horas teóricas e 150 horas prácticas, a desenvolver conxuntamente no concello e está subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e polo propio Concello de Rois

O pasado venres 3 de febreiro, o alcalde do Concello de Rois Ramón Tojo, presentou en compañía do equipo docente da Escola de Tempo Libre Devagar, o curso de monitor de tempo libre, curso que se vai desenvolver na súa fase teórica ata comezos de maio, en horario de venres de 16 a 21h e sábados de 9 a 14 e de 16 a 20h, ata completar as 200 horas.

A continuación o alumnado, un total de 20 mozos e mozas de Rois e de diferentes puntos xeográficos da contorna (Catoira, Santiago, Rianxo, Valga, Padrón…) terá dous anos para realizar as súas prácticas en Rois, un total de 150 horas, distribuidos polas entidades e equipamentos que neste eido existen no municipio.

Ao finalizar o curso emitirase o certificado acreditativo da formación para os participantes que o superasen satisfactoriamente.

O obxectivo deste curso e o de formar ao alumnado para realizar actividades socioculturais e recreativas, de especial interese para a infancia e xuventude, tanto no medio rural, como urbano ou na natureza. O Concello aposta así por un sector formativo e profesional da mocidade nestos ámbitos.

O título de monitor/a de tempo libre capacita o alumno para deseñar, programar, por en práctica e avaliar actividades para o tempo libre e socioculturais orientadas para a atención tanto da infancia, da xuventude, como das persoas maiores ou con necesidades especiais.

Trátase dunha modalidade de ensino de primeiro nivel, regulado no Decreto 50/2000 do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.