O pleno da Corporación de Rois aprobou hoxe por unanimidade sendas mocións do Partido Popular sobre o 25-N e outra da oposición en apoio á planta de reciclaxe de residuos de Lousame, que presta servizo de recollida de lixo no municipio de Rois. Na sesión ratificouse o padrón municipal a un de xaneiro des te ano, no que se constataba que Rois contaba a esa data con 4.493 habitantes.

A moción presentada polo Partido Popular con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e que foi aprobada por unanimidade, pídelle á Xunta de Galicia promover a formación necesaria para o persoal municipal no ámbito da creación ou activación das mesas de coordinación interinstitucional, e a promover encontros de traballo entre o departamento de Igualdade e as entidades locais para o intercambio de boas prácticas en colaboración coa FEMP.

Tamén por unanimidade aprobouse a moción presentada por PSdeG e BNG en defensa da continuidade da planta de reciclaxe de Lousame más aló de 2023, e solicitándolle á presidencia da xunta da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza que convoque a Asemblea de socios (a última foi en 2019) e que elabore o plan de acción. A proposta tamén solicita que a Xunta colabore cos modelos de reciclaxe de proximidade que representa esta planta de Lousame.

O alcalde reiterou o apoio e defensa dos 160 postos de traballos que representa a planta, pero sinalou que no Concello de Rois están “moi descontentos” coa mala calidade do servizo de recollida de lixo e manifestou o rexeitamento do grupo popular a que o Concello se converta en socio de pleno dereito da Mancomunidade, entre outros motivos, polo importe da débeda acumulada. Por este motivo, o PP votou a favor da moción, pero non do quinto punto da mesma.

Cos votos a favor de PP e PSdeG, e a abstención do BNG, aprobou se definitivamente o expediente de desafectación dun camiño público na parroquia de Oín.