Así celebraron hoxe os usuarios do Centro de Día de Urdilde e as súas familias o sétimo aniversario das instalacións, en compañía do xerente do Consorcio Galego de Benestar e Igualdade, Perfecto Rodríguez; do alcalde de Rois, Ramón Tojo, e da directoa do centro, María Vilas. E como en toda boa festa, non faltaron os pregoeiros (Ester e Benedicto, o dúo “Pimpinela” decían) nin a comisión de festas encargada de organizar toda unha semana de celebracións. Purita, Elena e Joaquina levan catro meses traballando para organizar unha festa por todo o alto, na que tamén houbo sorpresas para as autoridades e premios para as familias que fixeron as mellores “larpeiradas” segundo os usuarios deste centro.