O grupo Andaina Teatro presenta este sábado 7 de decembro en Rois a obra Full Monty, nunha función que dará comezo ás 20.00 horas no auditorio municipal.

A obra está baseada na película homónima, ambientada na crise económica dos anos 80 e 90 nun barrio obreiro escocés, que ben podería ser a crise económica actual ambientada en Padrón, Vilagarcía, Vigo ou Ferrol. Os temas tratados nesta montaxe volven ser tan familiares como vida mesma: a falta de traballo e de ilusións, os conflitos de parella, a precariedade laboral, a presión social, a desesperanza… Pero a amizade, a loita, a creatividade e o humor danlle forma ao desenlace que converte os fracasos en éxitos.

A película Full Monty expandiu o striptease masculino polo mundo. A asociación Andaina adapta esta peza para buscar o divertimento e lanzar un raio de luz ao tema da erótica e a sexualidade nas persoas con enfermidade mental.

Andaina Pro Saúde Mental é unha asociación sen ánimo de lucro que nace no ano 2010 para cubrir o baleiro existente na atención global ás persoas con problemas de saúde mental das zonas rurais próximas a Santiago de Compostela.

A función teatral encádrase dentro da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.