Unha vez rematado o segundo prazo de matrícula e, atendendo ás demandas da veciñanza, o Concello de Rois publica a listaxe definitiva das actividades deportivas e culturais municipais para o curso 2025/2026.
As clases darán comezo o vindeiro mércores, 1 de outubro, e abrirase un periodo de probas ata o 15 de outubro. As persoas que desexen darse de baixa dalgunha actividade deberán solicitalo enviando un correo electrónico a inscricions@rois.gal.
O prazo para pagar aquelas actividades que teñen un único abono para todo o curso estenderase dendo o 5 de novembro ata o 20 de decembro.
16 de setembro de 2025
Unha vez rematado o primeiro prazo de matrícula e atendendo á demanda, o Concello de Rois fai públicas as listaxes provisionais coa oferta de actividades municipais para o curso 2025/26.
Ábrese agora un prazo de reclamacións e de segunda matrícula, que vai do 17 ao 23 de setembro. A listaxe definitiva de actividades darase a coñecer o 29 de setembro e as clases comezarán o mércores 1 de outubro nos horarios establecidos.
Haberá un periodo de proba entre o 1 e o 15 de outubro, data esta última na que finalizará o prazo para poder tramitar a baixa. As persoas que desexen solicitar a súa baixa deberán mandar un correo electrónico a inscricions@rois.gal, indicando nome e apelidos da persoa interesada e a actividade.
A listaxe provisional de actividades pode consultarse no seguinte arquivo.
29 de xullo de 2025
O Concello de Rois abre este martes, 29 de xullo, o prazo de inscrición das actividades deportivas e culturais municipais correspondente ao curso 2025-2026 . Ofértanse máis dunha trintena de propostas dirixidas tanto a menores de idade como a persoas adultas, co obxectivo de proporcionarlle á veciñanza alternativas de lecer e formación que promovan unha vida activa e as relacións sociais. As clases iniciaranse o mércores 1 de outubro.
As inscricións poden facerse ata o luns 25 de agosto de xeito telemático cubrindo os seguintes formularios, tamén dispoñibles no apartado de xestións e trámites da web municipal:
Con grupos en Rois e en Urdilde, as escolas deportivas municipais ofertarán no vindeiro curso as modalidades de atletismo, zumba, baloncesto, judo, patinaxe, tenis e ximnasia rítmica. Tamén poderán practicar axedrez, neste caso en Rois, en Urdilde e en liña, e asistir a cursiños de natación na piscina de Brión, actividade esta última xestionada polas Anpas dos colexios dos Dices e do Pumar.
En canto ás actividades socioculturais, a rapazada poderá escoller entre un amplo abano de opcións adaptadas a diferentes idades: ao multiobradoiro de arte e creatividade, teatro co grupo municipal Vacalouras, informática/mecanografía e cociña creativa súmanse as actividades de Biblioteca en Familia, para familias con crianzas de entre 0 a 3 anos; Aventuras na Biblioteca Municipal, para cativada a partir de 4 anos; ou o Club de Acción Infantil e Xuvenil, para rapazada de entre 8 e 16 anos, que se desenvolverá en venres alternos e inclúe saídas e acampadas de fins de semana.
A partir de cuarto de infantil, nenas e nenos poderán matricularse na Escola de Música de Rois, onde poderán asistir a Música e Movemento (para peques de entre 3 e 6 anos), ter clases individuais de canto e de instrumento (acordeón, contrabaixo, baixo eléctrico, guitarra, violín, instrumentos de vento madeira como frauta, saxofón e clarinete e instrumentos de vento metal como trompeta, trompa ou trombón) e sumarse a distintos conxuntos ou ao coro. As inscricións faranse en liña a través do correspondente formulario.
Así mesmo, o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima dará clases de baile tradicional, canto e pandeireta, gaita e percusión.
De cara a facilitar a conciliación, os escolares do CPPI Os Dices e do CEIP O Pumar contarán con servizo de amencer antes do comezo das clases e tamén de ludoteca para alongar a xornada no colexio e enlazar coas actividades extraescolares. No caso do CPPI Os Dices-Rois o horario da ludoteca estenderase entre as 14.40 e as 16.40 horas, e no CEIPP O Pumar-Urdilde entre as 15.30 e as 17.30 horas.
Os horarios e brezos do servizo de amencer e ludoteca poden consultarse no arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón
Actividades para persoas adultas
Polo que atinxe ás persoas adultas, as actividades deportivas comprenden baile en parella, hipopresivos, ioga, pilates, zumba e ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos. Ademais de en Rois e en Urdilde, pilates terá grupo en Ribasar e ximnasia de mantemento farase a maiores en Ribasar e en Ermedelo.
O Multiobradoiro de Arte e Creatividade, o teatro co grupo municipal Vacalouras, a Escola de Música ou as propostas de Chorima están dirixidas tamén a persoas adultas, que contan con actividades específicas como o Club de Lectura, o curso de encaixe de palillos e vainicas (en Ribasar e en Rois) e a pandeireta (en Ermedelo, en Rois e en Urdilde).
As persoas maiores de 50 anos poden acudir aos talleres de memoria que se impartirán en Costa, en Ermedelo, en Ribasar, en Rois e en Urdilde sempre que haxa un mínimo de 15 persoas inscritas.
Os horarios e os prezos, cos descontos para determinados colectivos, de todas as actividades poden consultarse no cartel que acompaña esta nova. Para máis información, as persoas interesadas poden pasar tamén polo multiúsos de Rois ou chamar ao 981 816 061.
O Concello de Rois lembra que o desenvolvemento dos distintos cursiños están supeditados a un mínimo de inscricións e que o número de participantes en cada actividade podería obrigar á división dos grupos ou ao cambio do lugar no que se vai desenvolver.
As listaxes de admisións faranse públicas o 16 de setembro. Abrirase logo un prazo de reclamacións e de segunda matrícula entre o 17 e o 23 de setembro e daranse a coñecer as listaxes definitivas o 29 de setembro. O cobro daquelas actividades que se pagan por curso farase entre o 5 de novembro e o 20 de decembro.



















