A consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de facer pública a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga.

A convocatoria ofrece un total de 35 cursos, dos cales 11 se impartirán na modalidade presencial e os 24 restantes na de teleformación. Todos eles son gratuítos e teñen unha duración de 70 horas lectivas. Estes cursos poden ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

Os cursos presenciais desenvolveranse de luns a xoves, en horario de tarde, entre o 16 de marzo e o 8 de maio de 2020. Na provincia da Coruña realizaranse seis cursos deste tipo: dous en Santiago de Compostela (Celga 3 e Celga 4), tres na cidade da Coruña (Celga 2, 3 e 4) e un en Ferrol (Celga 4). Nesta provincia tamén se ofrecen 9 cursos na modalidade de teleformación: tres a nivel Galicia do Celga 1 e, a nivel A Coruña, 1 curso do Celga 2, dous do Celga 3 e 3 cursos do Celga 4.

O prazo de presentación de solicitudes ábrese hoxe, 30 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Para máis información sobre a programación dos cursos e a tramitación dos mesmos pode consultarse a resolución desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia número 19 de 29 de xaneiro de 2020, neste enlace.