A Xunta de Galicia anunciou hoxe que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 7 ofertas de empresas para a construción da nova estación depuradora de augas residuais no lugar de Calle, na parroquia de Urdilde, que dará servizo ao núcleo urbano da Calle e a núcleo de Macedos.
As actuacións, proxectadas por Augas de Galicia, suporán un investimento total de 915.000 euros e enmárcanse no convenio de colaboración asinado polo Concello de Rois e o Goberno galego. En base a este convenio, a Xunta financiará o 80% do custe da obra e o Concello de Rois o 20% restante. E o prazo de execución é de 8 meses.
A obra da nova depuradora de Urdilde responde á solicitude do Concello de Rois para arranxar as deficiencias do sistema de depuración do núcleo urbano desta parroquia; carencias respecto da accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e unha elevada distancia ao punto de vertido.
A nova depuradora non só terá capacidade para tratar as augas de 546 habitantes equivalentes do núcleo urbano da Calle e de Macedos, senón que estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento.
Segundo o proxecto redactado por Auguas de Galicia, as obras obxecto do contrato licitado comprenden a execución dunha nova estación de tratamento de augas residuais con sistema de depuración por biodiscos e o desmantelamento da depuradora actual de Urdilde, que se manterá en funcionamento ata a entrada en servizo da nova infraestrutura. Este novo sistema estará dotado de arqueta de chegada , by-passe xeral, desbaste mediante dobre canle, pretratamento mediante tanque imhoff, con zona de decantación e zona de dixestión, tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratada.
Executaranse tamén 519 metros de colector desde a estación actual ata a arqueta de entrada da nova depuradora, e disporase de 61 metros de colector desde a arqueta de saída ata o punto de vertido; e acondicionarase o acceso a nova infraestrutura.
O investimento da Xunta enmárcase no eixe REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.