Gonzalo Trenor anuncia en Rois que a Xunta licita xa a senda pernil de Cortizo

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o Concello de Rois para anunciar a licitación da obra da nova senda peonil na estrada AC-301, para dar continuidade á beirarrúa existente desde o núcleo de Rois ata a rotonda das instalacións de Cortizo, e na que o Concello realizará actuacións de mellora na citada glorieta. 

As obras saen hoxe a licitación por un importe de 658.000 euros, tendo en conta as expropiacións o investimento superará os 700.000 euros. As empresas interesadas teñen ata o 7 de febreiro para presentar as súas ofertas e o prazo de execución da obra é de 8 meses. A previsión é que esta senda estea operativa a finais do presente ano.

Segundo destacou o representante do goberno autonómico “esta actuación permitirá mellorar a mobilidade de veciños e ofrecer unha alternativa de conexión a pé ou en bicicleta segura”. 

Unha valoración que comparte o alcalde, Ramón Tojo. “Esta senda vai mellorar a seguridade viaria da veciñanza e axudaranos a comunicar a capital do concello coa zona industrial que temos máis preto, axudando a vertebrar o centro do pobo coa fábrica de Cortizo, onde traballan moitos veciños”. Tamén vai mellorar “a imaxe que do municipio teñan todas aquelas persoas que se acheguen a Rois dende a autopista”, engadiu o alcalde

A senda iniciase na entorna das naves do polígono industrial, discorre pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continúa pola marxe dereita da estrada AC-301 dende o pq 2+250 ata o 2+800. En todo o percorrido irá adosada a estrada e separada da calzada por un bordo de 10 cm sobre o pavimento da plataforma agás do treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299, aquí aproveitase a berma existente no muro de coieira do viaducto da liña de ferrocarril de alta capacidade A Coruña-Vigo que xa vai un pouco elevado da plataforma.

Ademais da execución da senda e co fin de mellorar a seguridade vial na entorna do pq 2+450, mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo existente e no pq 2+520 reconstruirase a intersección existente na marxe dereita mantendo a tipoloxía de semiglorieta de 8,50 m de radio exterior e 5,00 m de calzada

Gonzalo Trenor recalcou que “esta intervención se enmarca na estratexia do departamento de Infraestruturas da Xunta de fomentar a mobilidade sostible da poboación así como incrementar a seguridade viaria desta zona con elevado tránsito peonil”. Esta intervención será financiada pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Ramón Tojo agradeceu a inversión que o Goberno galego está a facer no concello. “Con esta senda, a nova depuradora para Urdilde, que tamén se vai licitar proximamente, e as melloras no CPI dos Dices, o investimento que fai a Xunta en Rois supera os dous millóns de euros”.