A Xunta vén de licitar por 11,2 millóns de euros a execución das obras para ampliar a autovía de Noia ata O Martelo, un tramo de 4,9 quilómetros que discorren polos concellos de Brión e Rois. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu conta desta licitación, para a que as empresas poderán presentar ofertas ata o 12 de setembro.

O acto celebrouse en Urdilde coa presenza do alcalde de Rois, Ramón Tojo, que cualificou esta ampliación de “moi beneficiosa para Rois, porque vai favorecer a expansión da zona norte do municipio, ao quedar moito mellor comunicada con Santiago”. Ramón Tojo estivo acompañado por Mercedes Basante, Manuel Cobas (primeira e segundo tenentes de alcaldes) e pola concelleira Victoria Quiroga. Tamén asistiron ao acto os alcaldes de Brión e Noia.
“Cando rematen as obras, Urdilde e toda a zona alta de Rois quedará a poucos minutos da capital de Galicia, do aeroporto e da estación do AVE, o que sen dúbida vai facilitar que máis xente veña vivir a Rois”, dixo Ramón Tojo tras a presentación.
A ampliación da autovía farase no treito entre Brión e o enlace de Urdilde (entre os puntos quilométricos 11+640 e 16+600). A licitación das obras deste treito dá continuidade á aprobación no mes de febreiro do proxecto de trazado do desdobramento da CG-1.5 entre o remate da autovía Santiago-Brión ata o inicio do tramo Martelo-Noia, cun investimento estimado que superará os 29 M€.
A conselleira subliñou o compromiso do Goberno galego para avanzar nunha Galicia mellor conectada: “Planificamos, presupostamos e executamos, co obxectivo de seguir vertebrando o territorio con estradas sostibles, cómodas e seguras”.
Martínez Allegue subliñou que o desdobramento licitado hoxe vai beneficiar de xeito directo a unha poboación de máis de 160.000 habitantes, dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia. E lembrou que as vías de altas prestacións supoñen xa máis de 500 km da rede viaria autonómica, de xeito que 8 de cada 10 galegos xa viven a menos de 15 minutos dunha destas estradas.
A actuación
En concreto, a estrada proxectada no desdobramento terá en cada calzada dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre bordos de beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión. O prazo de execución das obras estímase en 18 meses.
No marco das obras que se acometerán realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56), co obxecto de adaptar o trazado existente á nova autovía. Unha delas será a reconstrución dos noiros do desmonte na marxe esquerda en dirección Noia, para obter o ancho necesario para a nova sección.
Conservarase o enlace de Urdilde, sendo obxecto do desdobramento a execución definitiva dos ramais da calzada para desdobrar, pero o ramal de entrada en Gundín desaparecerá coa ampliación da calzada pola imposibilidade física de conservalo co desdobramento da vía.


















