A Xunta de Galicia vai investir preto de medio millón de euros en poñer unha nova cuberta e renovar a carpintería do CPI dos Dices, en Rois, unha actuación que mellorará considerablemente o confort do alumnado e a eficiencia enerxética do edificio, que se adaptará ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia. As obras teñen un prazo de execución de dous meses, polo que se espera que estean rematadas cando comece o vindeiro curso escolar.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitaron hoxe o colexio, e explicáronlle á directora, Ana María Couselo, ao equipo directivo e a Patricia Lenzós, representante da ANPA, as obras que se van a cometer, cuio importe ascende a 464.000 euros.
As obras consistirán na substitución do acabado de cubertas existentes, de placas de fibrocemento, por paneis de aceiro con illante intermedio, así como a renovación dos calóns e baixantes. O proxecto inclúe tamén a substitución das carpinterías exteriores e persianas. Colocarase unha nova carpintería de aluminio anodizado con apertura oscilobatente e con dobre acristalamento.
Segundo explicou o representante do Goberno galego, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort do alumnado e do profesorado que cada día interactúa no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da nova arquitectura pedagóxica de Galicia da Xunta, que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.
Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.
Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar ao máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos e fillas pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón tamén para interactuar cos seus compañeiros, xogar e aprender a socializar”.
Ramón Tojo agradeceulle á Xunta este forte investimento no CPI dos Dices, que vai “redundar nunha mellora da calidade educativa no concello de Rois”, sinalou. O alcalde indicou que para o vindeiro curso, alumnado e profesorado de Rois poderán “volver estrear un novo centro, con importantes melloras, aínda que o edificio teña xa corenta anos”.
Rois no programa Hoy por hoy Santiago
O alcalde participou despois no programa Hoy por hoy Santiago da cadena Ser, que, conducido por Luís Pardo, se emitiu en directo dende o auditorio municipal de Rois. Ramón Tojo falou sobre as Festas do Santo Isidro que se desenvolverán esta vindeira fin de semana.
O espazo contou tamén coas intervencións de Eva Domínguez, integrante do grupo OCT Chorima; do ex ciclista Suso Blanco Villar e do escultor Camilo Seira. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, adicoulle unhas sentidas palabras a José Carlos Seco, xefe de Protección Civil de Padrón que tivo un accidente laboral hai dous anos e a quen lle enviou o agradecemento de todo o goberno municipal.