O concelleiro de Urbanismo e o alcalde (1º e 2º pola dereita) cos técnicos da Xunta na visita que fixeron o pasado mes de abril

A Xunta de Galicia ven de adxudicar por máis de 595.000 euros a execución das obras da senda peonil que vai dende o polígono de Cortizo, pola AC-301, ata o núcleo de Samil, en Rois. A senda terá unha lonxitude de 820 metros e un ancho mínimo de 1,8 metros, con pavimento de hormigón en cor. A actuación mellorará considerablemente a seguridade viaria e dos peóns.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, prevén o seu comezo na segunda quincena de xuño e contan cun prazo de execución de 8 meses.

Segundo o proxecto redactado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a senda iniciarase na contorna das naves do polígono industrial de Cortizo, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.

No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2+250 da AC-301, a senda discorrerá polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.

O itinerario irá pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.

Ademais, na zona do punto quilométrico 2+450 mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo. No punto 2+520 reconstruirase a intersección na marxe dereita, mantendo a tipoloxía de semiglorieta.

Con esta actuación, o departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.

Para o alcalde de Rois, Ramón Tojo, esta senda vai mellorar a seguridade viaria da veciñanza e axudaranos a comunicar a capital do concello coa zona industrial que temos máis preto, axudando a vertebrar o centro do pobo coa fábrica de Cortizo, onde traballan moitos veciños”. Tamén vai mellorar “a imaxe que do municipio teñan todas aquelas persoas que se acheguen a Rois dende a autopista”.

O pasado mes de abril, o alcalde e o concelleiro de Urbanismo acompañaron a técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a visita que fixeron a zona e na que estes les explicaron como se iban desenvolver os traballos.