A rapazada de Rois que asiste aos campamentos do Diververán traballa contidos de igualdade a través de varios obradoiros integrados no seu programa. Durante todo o mes de agosto, entre as actividades programadas inclúense xogos, cancións, manualidades e dinámicas de grupo que buscan fomentar nesta franxa da poboación a equidade entre os xéneros.
Ademais desenvolveranse catro obradoiros de dúas horas de duración cada un, deseñados para realizárense en grupos burbulla de nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria, no CEIP do Pumar-Urdilde os días 10 e 24 de agosto. Neles quérese potenciar a participación masculina no reparto das responsabilidades domésticas e de coidados. Dirixidos pola facilitadora Xiomara Lazo Fuentes, nestes talleres reflexiónase conxuntamente sobre a distribución das tarefas domésticas, o coidado das persoas e a educación de fillos e fillas, a través de actividades lúdicas.
O obradoiro dirixido a nenos e nenas de Infantil baséase nos contos, as cancións e os xogos para facilitar a integración destes conceptos xa na primeira infancia. Mentres, a rapazada que cursa Primaria participa noutros tres talleres, adaptados ás diversas idades deste ciclo educativo. Neles reflexiónase a través do xogo e a conversa sobre o papel que cadaquén ten na casa, tentando fomentar a corresponsabilidade; escóitanse cancións para aprender a identificar os tópicos sobre o que poden ou non poden facer as persoas de cada xénero; ou elabóranse contos nos que se cambian os roles tópicos de cada sexo. A intención é axudar á poboación miúda a recoñecer esta realidade e, ao tempo, a modificala.
Os catro obradoiros están integrados no programa do Diververán, no que este agosto participan arredor de corenta nenos e nenas. As accións de igualdade comezaron xa o pasado mes de xullo coa realización de actividades coma a árbore da igualdade, a elaboración dun conto alusivo ou de manualidades que fomentan este concepto na infancia, entre outras.
Estas accións de corresponsabilidade enmárcanse no desenvolvemento do II Plan de Igualdade do Concello de Rois, aprobado en marzo de 2021, e contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para a Igualdade e da Deputación da Coruña.